Feeds:
Artigos
Comentarios

Os cartos, ai, os cartos

Aínda que vendo o blog e as fotografías da galería de flickr.com puidese parecer que estes últimos meses estivésemos parados, nada máis lonxe da realidade, os meses de febreiro e marzo foron frenéticos.

Como calquera pode imaxinar, un proxecto da envergadura da restauración do galeón non se pode financiar con recursos propios dunha Asociación de veciños, xa que logo, depende de fontes alleas de financiación, así a principal fonte son as subvencións das distintas administracións.

Dende o comezo do ano o Ferreiro leuse tódolos boletíns e diarios oficiais na busca das subvencións axeitadas, así algunha xa se pediu no mes de xaneiro.

Unha das que nos parecía que se podía axustar ó noso proxecto tiña un prazo curto de tempo de presentación, remataba o 24 de febreiro, co obxectivo de chegar a tempo o Ferreiro repartiu tarefas a varios dos membros do grupo de traballo, e mentres uns preparaban a documentación administrativa, outros encargabámonos dos presupostos e outros da memoria do proxecto, o día 19 de febreiro chámame o Ferreiro para darme a nova de que o encargado da memoria confundírase de datas e contaba que aínda lle quedaba un mes, ¿e agora qué? A min non me daba tempo, o día 21 íame a Madrid e ía estar completamente ocupado os días 22 e 23 co que redactar unha memoria facíase complicado, ó final redactamos algo que se podía chamar memoria a noite do 20.

Mentres estaba en Madrid chegou unha boa nova, SMS do Ferreiro “o prazo da subvención auméntase ata o 24 de marzo”,saltei do asento. Curiosamente, cando comprobamos as cantidades asignadas á subvención de marras decidimos que non merecía a pena concorrer a ela, pero o traballo non estaba perdido, reutilizaríamolo para a seguinte subvención, o novo prazo, 1 de abril.

Marzo prometía ser aínda máis duro que febreiro.

A subvención precisaba dun proxecto, dun presuposto e dun convenio de colaboración da Asociación co Concello, o domingo día 7 reunímonos co Alcalde e a Concelleira de promoción económica e concordan completamente con nós e co noso proxecto, “a min non tes que convencerme, só estou pensando de onde sacar os cartos”foi unha das mellores frases da concelleira cando eu soltaba disertacións sobre a conveniencia de ir adiante con este proxecto.

Xa estábamos de novo en carreira.

Agora tocaba volver a chamar a Gestenaval para ter un proxecto da parte a subvencionar, axudar ó concello con ideas para a memoria, e ver como se redactaba o convenio de colaboración.

En Gestenaval ían xustiños de persoal, os presupostos non chegaban, e xa viña enriba o día 19 que nos puxeramos como prazo para ter todos os papeis preparados para a subvención, xa empezaba o “desconto”, finalmente a semana do 22 ó 27 de marzo debíamos ter todo, os presupostos chegaron, en Gestenaval, como sempre, cumpriron e o venres tíñamos o proxecto definitivo coas correccións que lle foramos facendo esa semana, pero aínda nos faltaba o convenio co concello. O convenio chegou para revisar o día 29, vaia apuro, revisa cláusulas, propón modificacións e o Ferreiro ás carreiras para firmalo.

Finalmente todo está completo e preséntase en prazo, pero como “na casa do pobre a felicidade dura pouco” a subvención que presentáramos en xaneiro tiña deficiencias e hai que corrixilas, outra vez a correr para, nos dez días de prazo, cumprir co requirido.

Realmente estes meses teñen sido os peores dende que comezamos o proxecto, nalgún momento pensei en chamar a Mougan para que lle metese a motoserra o barco, o Ferreiro dicía un día “En que lío nos metemos unha tarde tonta na túa casa”, pero cando máis desanimado estás, chega o proxecto, e ves como vai ser o barco, ves as fotos e xa o imaxinas, qué ganas teño de velo a flote, pero canto traballo nos queda aínda.

Joaquín Fabeiro

Segunda visita ao galeón.

O día 23, aproveitando os días libres, fun de novo a visitalo RH1, como sabía que xa a popa estaba marcada ía aínda con máis ilusión a facer algunhas fotos para ir informando ó resto do grupo de traballo.

Saín cedo e a eso das dez e media de mañá xa estaba na Illa armado coa cámara. O traballo avanza a bo ritmo e xa vemos como a roda, para a que tomaban medidas hai unha semana, xa estaba colocada.

Tamén se aprecia como van os traballos na zona da quilla.

Ademais xa empezamos a ver como serán as formas do barco, e xa a popa está marcada.

E vemos tamén como vai recuperar a súa forma redondeada.

O que descubrín nesta visita é que aínda me queda moito por aprender nesto da madeira. Cando na miña anterior visita dicía que as cadernas non me parecían tan danadas, non podía estar máis alonxado da realidade, desfanse como cartón mollado, é realmente impresionante, e nalgunha quedan poucos milímetros do que algunha vez foi madeira. Canta razón tiña Mougán cando me dicía que ó desmontalas ían saír desfeitas.

E a visita non dou para moito máis, só para darlle un pouco á vea artística aproveitando a boa estampa do Rei do Mar, que lucía así de bonito.

Xaquin Fabeiro.

O xoves 17 de decembro, aproveitando que facía unha tarde estupenda, fría pero moi soleada, decidín ir ata a Illa de Arousa a coñecer o RH1, e ver como ían avanzando os traballos no Estaleiro de Mougan.

Sei que pode parecer raro que a estas alturas aínda non vira o barco máis que en fotos, e máis sendo un dos que apostou polo proxecto dende o inicio, pero xa tiña ganas.

Así que agarrei a cámara de fotos, e tirei para alá, acompañado do maior dos meus fillos.

Dende Pontevedra son menos de 45 minutos de coche, nun paseo polo interior do Salnés e practicamente todo por Autovía e Vía Rápida, so uns 15 km de estrada.

Xa na ponte da Illa víase claramente o Rei do Mar dos amigos da ACD Dorna varado na praia indicando a situación do taller de Mougán.

Mesmo na porta do estaleiro estaba o RH1 xa ca popa case espida do forro e sen resto das varandas que tiña na cuberta

Mentres estaba facendo esta foto acercóuseme Manuel Mougan fillo, e antes de que dixese nada identifiqueime como membro do grupo de traballo da Asociación de Veciños de Abelleira, e sen ningún inconvinte seguín ca miña laboura de “reporteiro”. Logo confesoume que case me vota unha bronca, xa que moita xente se achega a facer fotos sen sequera pedir permiso, pero unha vez identificado non tiven ningún problema, el mesmo facía tamén algunhas fotos, supoño que para ir documentando o seu traballo.

Vixiando ó pequeno e apartándonos dos sitios nos que ou molestábamos ou corríamos risco, xa que estaban a mover unas pezas grandes do interior do barco, seguín facendo fotos do estado do galeón.

Tanto da popa.

Como da proa

Nesta foto cun dos traballadores de Mougán a bordo, da unha boa idea das dimensións do RH1

Ó pouco tempo de andar por alí ás voltas achegouse a min Manuel Mougán, que nese preciso momento estaba tentando falar co Ferreiro. A súa cara non presaxiaba nada bo, atopabámonos co primeiro contratempo, unha das cadernas da aleta de babor que parecían nun perfecto estado, está podre na parte do forro

E para que se transmitise mellor a información tomei estas fotos da caderna.

O certo é que me pareceu preocupado, e a min nese momento foi como si me votasen un xerro de auga fría, si hai máis cadernas podres só se vai descubrir cando se vaia recravando o forro, e notarase porque non agarrarán os cravos, e eso non vai ser bo.

Máis en frío, na casa, vendo as fotos, non me parece tan grave, hai que miralo con coidado, pero semella que hai caderna suficiente como para que os cravos agarren, falamos de cadernas duns doce cm. nos que estarían afectados os dous ou tres cm. máis próximos ó forro, así, se o cravo é suficientemente longo, agarrará, en todo caso as cadernas que se poidan substituírse deberían cambiarse, é evidente que canto máis se faga agora mellor, pero claro, esa era a miña visión de profano. Ó día seguinte Brea xa ía pasar a velo barco, e cando Brea e Mougan falasen fariámonos unha idea mellor.

Xa aclarado con Mougan que con quen debía falar era co Ferreiro, que eu só era o “fotógrafo”, seguín a dar unhas voltas ó redor do galeón e vendo como xa desmontaran toda a roda, que tamén tiña algúns cachos podres, pero moito menos importantes.

Unha das cousas que non me encaixaban ca preocupación que me transmitía Mougan era que si a cousa era tan seria como a pintaba, por qué non estaba parados, e seguían a tomar medidas na roda e desmontando cousas. O feito de que seguiran traballando dábame tranquilidade, había imprevistos, pero serían solventables, e a preocupación debía ser máis unha sensación miña que unha realidade.

Seguín facendo máis fotos, tentando que se vise o máis posible do barco, incluso tentando que nas mesmas fotos se visen uns cachiños dos outros galeóns que están alí, tal e como se albisca nesta foto, o Cortegada da Asociación Rompetimóns, á esquerda, que ten unha estampa preciosa, e varado na praia o Rei do Mar dos nosos amigos da ACD Dorna, que cada día está máis bonito.

Non me puiden resistir a tirarlle unha foto ó Cortegada

Pasado un bo rato, e despois de compartir algunhas impresións con Mougan sobre a imposibilidade de fuxir do Murphy ese, decidín marchar, sobre todo porque o pequeno xa se cansara de ver barcos e xa non me deixou nin sacar unha foto do Rei do Mar, había que ir ó parque, cousas dos nenos.

A viaxe de volta a Pontevedra, foi “aderezada” con conversas co Ferreiro sobre o tema das cadernas, nas que reafirmaba a miña inquedanza, e lle contaba as miñas impresións. Ó final todo quedaba pendente da visita de Brea ó estaleiro, e segundo o que vise no barco e co que falase con Mougan tomaríanse decisións.

O venres 18 non pasei un bo día, durante toda a mañá mantiven esa sensación de inquedanza, sentía que o proxecto no que nos implicáramos uns meses atrás estaba de novo no aire, case tanto como cando a bomba non quería traballar o día do traslado, toda a ilusión que puxéramos no proxecto, todo o esforzo e traballo realizado na presentación, tódolos compromisos e boas palabras podían irse ó traste.

Pasado o mediodía chamoume o Ferreiro coas novas da visita de Brea ó galeón, reafirmaba o que nos dixera Mougan e as cadernas danadas ían ser substituídas, ademais a quilla que parecía en bo estado tamén estaba un pouco tocada, así decidiuse cambiala quilla, e ir vixiando as cadernas a medida que se fose recravando o forro e si era preciso substituiríanse outras cadernas.

Segundo Brea, supoñemos que sacado da experiencia ou de algún “ancestral segredo” dos carpinteiros de ribeira, os barcos podrecen máis pola popa que pola proa, así que é probable que non atopemos máis cadernas malas.

Ó cabo, o galeón verá substituída a proa, a quilla e o codaste, con unha reforma total da popa, case imos ter un barco novo a estrear.

Seguimos adiante

Xaquin Fabeiro

Despois de que os teléfonos chegaran mesmo a botar fume, por fin chegou o día da Presentación.

O punto de encontro foi no Bar Hórreo de Abelleira á unha do mediodía. Sobre a unha e media estabamos boa parte dos membros do Grupo de Traballo do Galeón da Asociación de Veciños “A Ostreira” dispostos en comité de benvida, para atender a Víctor, Luís e Jesús. Outros membros do Grupo acompañados de voluntarios e voluntarias da asociación xa levaban un bo anaco preparando a carpa no exterior e o salón de actos do Local Social de Sorribos

Unha cervexa fresca e unha tapa de orella foron boas compañeiras da pertinente presentación  e primeira toma de contacto nunha xornada que desexabamos proveitosa para a Cultura Marítima.

O Grupo convidou aos conferenciantes a un xantar en Serres, concretamente no Restaurante Marbella de Boa Vista, topónimo acaído que non precisa maior explicación sentados na terraza cuberta do restaurante. O pano de fondo da figura familiar de Montelouro, os restos dunha antiga salgadeira nun primeiro plano e a vista que continúa ata as salgadeiras e porto de Anido, ata Muros descansando dos ventos e o conxunto da boca da Ría. En definitiva unha atalaia desde a que contemplar toda a riqueza patrimonial desta parte da nosa Ría, e na que establecemos conxuntamente finalmente todas as pautas que ían definir o acto de presentación.

Sobre as catro, e coas tarefas de cadaquén establecidas en función da claridade da mensaxe que queriamos transmitir, levantamos da mesa e directos para o Peirao de Abelleira.

Chegamos a Sorribos e estaba todo perfectamente preparado, unicamente faltaba a xente. Comezaron a chegar veciñas e veciños de Abelleira, representantes das asociacións de cultura mariñeira da Ría; do Grupo de Cultura Mariñeira da Asociación Cultural “O Xeito” de Esteiro, da Asociación Mar de Muros, da Asociación Joaquín Vieta de Noia, de Xubimar (Asociación Muradana de Xubilados do Mar), e Manuel Caamaño do blog Homes de Pedra en Barcos de Pau.

Tamén chegaron os representantes políticos da administración municipal, provincial e autonómica que tiñan confirmado a súa asistencia así como a prensa escrita e audiovisual. Seguen a chegar veciñas e veciños de Abelleira e persoas interesadas na cultura marítima da contorna.

O acto estaba previsto para as cinco da tarde, e as cinco e cuarto pouco máis ou menos demos comezo á presentación nun salón de actos literalmente ateigado de persoas.

Rompeu o xeo O Ferreiro, Presidente da Asociación de Veciños “A Ostreira” cunha intervención na que fixo un repaso de todo o feito desde Abelleira no ámbito da cultura marítima centrándose principalmente na construción e botadura da buceta e do que significou o IX Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia celebrado en Muros, como precedentes do proxecto máis ambicioso de darlle vida a un Galeón das Rías e impulsar o coñecemento e a salvagarda do inmenso tesouro que representa o patrimonio marítimo no seu conxunto. Incidiu tamén na necesidade de Abelleira de contar con mellores instalacións portuarias para a xente do mar, chamando a atención sobre outras carencias da parroquia entre as que destacou a deficiente conexión a internet, impropia dos tempos actuais.

A respecto da cultura marítima e do proxecto do Galeón de Abelleira expuxo textualmente:

a nosa intención, foi xuntar aquí a tres vértices dun triangulo, que esperemos que sexa amoroso:

-O promotor deste proxecto é a AVV a Ostreira, na que se encontran asociados mais do 80% dos veciños de Abelleira.

-As asociacións da cultura marítima, e fundamentalmente a súa Federación, que tanto nos axudaron coa buceta, e que esta xa a axudarnos co galeón, en especial José Luís, da Asociación Ravandeira, fundamental ata o de agora.

Esperamos facer un bo traballo e responder á confianza que puxestedes en nós.

-Para completar o triangulo, convocamos hoxe aquí, o derradeiro vértice, a administración, para explicarlle convintemente o proxecto, e pedirlle a súa axuda.”

Unha mostra clara da aposta polos plantexamentos colaborativos superadores do individualismo e a atomización, e unha chamada de atención ás administracións para que abandonen posicionamentos partidistas e respalden os proxectos que son froito dunha cidadanía unida.

A continuación presentouse o equipo de persoas que compón o Grupo de Traballo do Galeón de Abelleira da Asociación de Veciños “A Ostreira”, e que asume a responsabilidade de realizar todas as tarefas que axuden a impulsar a arribada a bo porto do proxecto:

José Antonio Rama (presidente da asociación), Xavier Veloso, Xaquín Fabeiro, Moncho Bouzas, Juan Verán, Tono León, Ramón Piñeiro, José Manuel Fernández, Manuel Tobío Tobío, Manuel Tobío Rivadeneira e Manuel Brea (mestre carpinteiro).

A quenda de palabra recaeu a continuación sobre Víctor Fernández, presidente da Federación Galega Pola Cultura Marítima e Fluvial. Invitou a todos os asistentes a dar un paseo pola beiramar e apreciar os elementos que compoñen o patrimonio marítimo; a propia paisaxe, casas e edificacións, o ecosistema mariño, as embarcacións, tamén as crenzas, as artes de pesca e os exvotos,… Transmitiu a amplitude da cultura marítima apoiándose no concepto elaborado polo expresidente da Federación, Dionisio Pereira.

A través dunha exposición amena e clara conseguiu compartir con todas as persoas reunidas no Local Social de Sorribos o amplo e valioso que realmente é, a pesar da súa aparente invisibilidade, o patrimonio marítimo e a necesidade da súa posta en valor como primeiro paso para o aproveitamento efectivo desta inmensa riqueza.

A continuación realizou a súa aportación Jesús Blanco, Profesor de Física da Escola de Enxeñería Técnica Industrial da Universidade de Vigo e autor da Guía de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que tan útil está a resultar para a o enriquecemento do debate no que se sustenta a acción cultural do Grupo de Traballo.

Jesús realizou unha intervención na que puxo nun primeiro plano as características técnicas do Galeón das Rías, como tipoloxía resultado dunha hibridación da lancha do xeito, conxugada coas influencias da diversidade de embarcacións de transporte de mercadorías que abarca a area xeográfica comprendida entre o norte de Portugal e a cornixa cantábrica desde a alta idade media ata o século XX.

Ilustrou, apoiándose nunha combinación de fotografías históricas e outras actuais de galeóns recuperados ou construídos recentemente, a fasquía característica do Galeón.

Tamén a cuberta, aberta, corrida e sen bañeira de navegación. Defendeu a importancia da axeitada elección da arboradura na recuperación dun galeón como elemento de carácter esencial e non como un aspecto complementario ou accesorio, co que deixou aberta unha canle de debate necesario que terá que abordar o Grupo de Traballo e ao que está convidada toda a cultura marítima organizada por extensión.

Deixou de manifesto a representatividade do galeón do conxunto de embarcacións tradicionais, e a respecto do patrimonio marítimo e a cultura que o contextualiza. A aportación de Jesús foi fundamentalmente a de proporcionar e compartir unha visión en base a categorías teóricas sobre o galeón.

A intervención de Jesús complementouna Luís Iglesias, membro da Asociación Náutica Ravandeira e Patrón do Galeón “Nuevo Sofía”. Explicou cuestións concretas do proceso de recuperación no Nuevo Sofía e tamén a fórmula concreta de uso social que converte o seu barco nun tesouro, cunha longa estela de navegacións e polo tanto unha extensa traxectoria no exercicio de embaixador no mar da nosa cultura marítima. Luís explicitou e reiterou a envergadura do proxecto de recuperación do Galeón así como a súa inquebrantable vontade de colaboración. A aportación de Jesús foi principalmente fornecer, de consideracións de carácter práctico e desde a experiencia, un proxecto que bota a andar.

Pechou a quenda de intervencións explicativas do Proxecto do Galeón de Abelleira Xaquín Fabeiro, membro do Grupo de Traballo. Informou sobre a nova da que eramos coñecedores nas últimas horas de que o Galeón xa se atopaba na zona de traballo do Asteleiro Mougán da Illa de Arousa. Expuxo a última información que temos do proxecto de enxeñería encargado a Gestenaval, así como a concreción sobre o plano das instrucións que o grupo e o conxunto da asociación a través do debate democrático considerou pertinentes transmitir.

Expón asimesmo a elección sobre o modelo de cuberta que foi considerada máis adecuada e tamén a dimensión da embarcación con 12 metros de eslora por 3,90 metros de manga fóra de forros e 1 metro de puntal. O que permitirá a navegación con doce persoas entre os que, respetando a normativa ao respecto, tres serán membros da tripulación  e as restantes nove  prazas estarán dispoñibles para calquer dos usos  ós que está previsto destinar o barco. Indicou que o Grupo de Traballo ten carácter aberto e invitou a toda persoa interesada a integrarse e colaborar.

Comezou entón unha quenda de intervencións dos representantes políticos das administracións públicas, que foron convidados a participar na presentación coa finalidade de facelos partícipes dos aspectos que definen o Proxecto do Galeón de Abelleira. Todos eles, sen distinción de cor política, manifestaron publicamente o seu respaldo ao proxecto e a importancia que lle conceden á cultura marítima como factor de riqueza xerador de benestar social, o que consideramos especialmente importante na medida en que contamos con cargos electos das tres principais formacións políticas galegas, PPdeG, PSdeG e BNG.

Compartiron a xornada con nós:

-Caridad González Cerviño, Presidenta da Comisión de Cultura de Deputación Provincial de A Coruña.

-María Nava Castro, Directora Xeral do Comercio da Consellería de Economía e Industria.

-Rosa Quintana Carballo, Conselleira do Mar.

-Domingos Dosil Cubelo, Alcalde do Concello de Muros.

Chegamos así ata as sete da tarde aproximadamente e dado que estaba no seu punto a mexiloada, trasladamos o espírito de diálogo á carpa do exterior, na que se ben xa refrescara o tempo, estivemos comodamente dando boa conta das viandas e charlando.

Finalmente proxectouse íntegro o Vídeo da Botadura da Buceta, que foi o broche final dunha xornada que no Grupo de Traballo do Galeón xulgamos moi positivamente na medida en que o Proxecto do Galeón madurou e conseguimos ampliar e continuar tecendo complicidades e apoios para o Galeón de Abelleira e pola cultura marítima.

Eran perto das nove da noite e a xente seguía a bulir no Local Social de Sorribos, así que amigos e amigas a xornada foi completa, completa.

Moncho Bouzas.

Cartel presentación.

O vindeiro sábado 12 de Decembro, sobre as cinco da tarde, o Grupo de Traballo integrado na A.VV. a Ostreira fará un acto de presentación en sociedade do Proxecto de Recuperación do chamado Galeón de Abelleira. Dentro do programa destaca a presencia de Jesús Blanco, profesor da Universidade de Vigo,  a do Presidente da Federación pola Cultura Marítima e Fluvial, Víctor Fernández. Tamén estará presente José Luis, o patrón do galeón “Nuevo Sofía” que nos falarán sobre todo da importancia da Cultura Marítima e máis concretamente dos galeóns. Teremos ao remate un pequeno ágape, que consistirá en mexilóns ao vapor da nosa ría. Aproveitaremos tamén o día para facer a presentación do DVD “A Botadura 2009″ e faremos a súa proxección sobre as oito da noite. Non faltedes.

Na reunión do grupo de traballo do pasado 15 de novembro, decidiuse resolver a cuestión da cuberta, a opción escollida foi a mais clásica e sen bañeira, parecida a do Nuevo Sofia.

Pepe, Ramón e Manolo, ao pé do noso galeón.

Pepe, Ramón e Manolo, ao pé do noso galeón.

Para tomar esta decisión foron de moita axuda as opinións expresadas no blog. Así como tamén as viaxes acometidas nesta semana.

Xoves, 12 de novembro

Quin e o Ferreiro desprázanse en primeiro lugar a Vilagarcía, onde manteñen unha charla sobre o tema cos técnicos de Gestenaval, empresa de Enxeñería e Consultaría naval, que nos esta a facer o proxecto.

Ao remate en Vilagarcía desprazámonos ate Vilanova, para saber da opinión de Xosé Luís (patrón do Nuevo Sofia), que aínda que xa era de noite estaba a traballar no seu barco, pero que nos atendeu gustosamente como en el é habitual.

O Rei do mar, da A.C. a Dorna, case listo.

Sábado, 14 de novembro

Desprázanse a Illa de Arousa os membros do grupo, Manolo de Tobío, Pepe, Ramón e o Ferreiro.

O primeiro obxectivo era que os tres primeiros viran o noso galeón por primeira vez, así como outros galeóns xa restaurados. En canto todo isto se produciu notouse neles o abandono da pequena desconfianza que tiñan cara o proxecto, podemos contar con eles ate as últimas consecuencias. Espero que o mesmo aconteza coa maioría cando realicemos a excursión.

O outro obxectivo era a cuestión da cuberta, para iso mantivemos unha longa charla co mestre Manolo Mougan. E de novo en Vilanova, volvemos a charlar con Xosé Luís, sobre cuestións que non nos quedaran claras o xoves.

Esta é parte da madeira para a reforma do noso galeón

A cuberta do noso galeón será parecida.

Nun furancho, tomando un barrantes e decisións sobre a cuberta.

Con todos estes datos e opinións o domingo 15 de novembro, nunha xuntanza habitual do grupo de traballo tomamos a decisión definitiva.

O proceso de restauración do galeón será unha sucesión de tomas de decisión, algunhas serán executivas e rápidas, outras permitirán o debate e enriqueceranse cas opinións de todos. Sorprendentemente, e antes do que nos esperábamos, temos que ir tomando unha decisión sobre o deseño do barco, e cando hai uns días comentaba este tema con Xavier, comprobamos como opinábamos totalmente distinto o que nos dou pe a pensar que era unha boa oportunidade para solicitala colaboración de todos os que nos lesen mediante os seus comentarios.

Si ben todos temos claro que os galeóns son barcos de carga, non temos tan claro como se traballaba con eles. O traballo que realizaban estes barcos afectaba á distribución interior do barco e por suposto á cuberta.

Á vista das fotos de galeóns restaurados ou en proceso de restauración podemos ver cubertas como a do Adelino ManuelFonte www.modelismonaval.com

Na que se aprecia unha bañeira de navegación e unha caseta con unha entrada pequena con porta corrediza.Esta distribución da cuberta repítese no Luisa

2

Esta disposición, bastante común nos iates de recreo, a min non me parecía lóxica nunha embarcación dedicada á cabotaxe. ¿Cómo se ían mover vultos, sacos, madeiros, etc. por esa portiña tan pequena?

Na observación doutros galeóns recuperados vemos outras distribucións de cuberta, por exemplo esta do Nuevo Sofía

3

Aquí xa vemos unha distribución na que se aprecian dúas casetas grandes á popa do mastro e unha á proa máis pequena, pero o máis importante é que a caseta central parece pechada con varias tapas dispostas para deixar a adega ben aberta.

Outro exemplo é a distribución do Eliseo

4

Na que se volve a repetir a distribución do Nuevo Sofía.

Esta distribución, máis coherente co traballo que realizaban os galeóns, encaixa cas fotos que podemos ver dos galeóns na súa época, como estas de galeóns en Muros,

56

Na primeira vemos as tapas para deixar ó descuberto a bodega, e notamos a ausencia da caseta máis a popa, probablemente pola ausencia de motor, dado que a foto é dos anos vinte. Na segunda podemos ver algunha das cubertas abertas para recibila carga.

Así vemos en esta foto de Vilanova como a cuberta do galeón está totalmente aberta para permitir o acceso á bodega

7

Curiosamente, esta última foto desvélanos algo que non estábamos a ver nas anteriores. No galeón vislúmbrase unha bañeira de navegación, algo curioso, xa que non se repetía en ningunha outra foto das antigas, e prescinde da caseta para o motor, probablemente porque non tiña motor. Esta distribución foi a que elixiron no obradoiro Mar de Vigo á hora de facer o Galeón Coruxo, que como vemos nestas fotos ten unha pequena bañeira para a navegación e tapas desmontables para abrir a adega.

8

Todas estas imaxes debían estar apoiadas na descrición dun galeón e confirmeino lendo o libro de Jesús Blanco “Guía de las embarcaciones tradicionales gallegas” no que di:

9

Deste xeito creo que estamos no punto no que hai que decidir que tipo de restauración imos facer, imos a buscar o máis tradicional e propio do barco ou imos a facer unha interpretación máis moderna.

Ó meu entender os motivos para facer unha caseta e bañeira moderna son a comodidade á hora de navegar e posiblemente a seguridade da tripulación en caso de mala mar.

Os motivos para mantela igual que cando se usaban son o respeto ó deseño orixinal do barco e a restauración fiel.

A terceira distribución con bañeira e cuarteles para a adega, que vemos no Coruxo, resulta moi interesante porque introduce a posibilidade, apoiada nas imaxes antigas, de que unha restauración fiel poida levar bañeira.

E quedaría unha cuarta posibilidade que non está explorada, que sería mesturando o visto, dispor unha bañeira para a navegación e unha entrada á adega con porta corrediza, pero ó tempo manter a posibilidade de abrir completamente a adega, para poder seguir amosando como eran este tipo de barcos cando traballaban.

Chegados a este punto esperamos os comentarios de todos, para que cando teñamos que decidir o fagamos da forma máis documentada posible.

Xaquin Fabeiro.

A aventura do traslado.

O venres 10 de outubro os técnicos de Gesteneval foron a toma-las medidas do galeón. Agora todo estaba en mans do asteleiro O Facho de Cambados, tiña que o carpinteiro estopar e reclavar algúns bordos e deixar o barco a inchar. Sabiamos que a semana do 12 ao 18 de outubro ía estar un tempo moi bo, as nosas previsións era que o galeón se puidese trasladar a Illa, o mércores 14. galeon1Pero iso non aconteceu, e mais o venres 16 as noticias eran que o galeón case collía auga como a primeira hora, e que o luns 19 ían a subir o barco para que o carpinteiro lle votase unha ollada. Parecía que en vez de ir para diante iamos para tras, o venres pola tarde empecei a preocuparme, e decidín que era hora de facerlle unha visita o asteleiro, na tarde noite do venres intentei contactar con Brea para ir o sábado 17 a Cambados, foi imposible contactar con Brea, visto o que aconteceu despois hai que darlle grazas a Díos.

O galeón no mar

Brea sube ao galeón.

Perante ese sábado, dinme conta que a mellor opción era ir o luns, por sorte o meu traballo permitíame ir ese día, así era seguro que podiamos falar coa administración do asteleiro, mais co carpinteiro do asteleiro. Quedei con Brea as 13:00 en Bertamirans, e a partir de ai viaxamos cara Cambados, onde chegamos un pouco antes das 14 horas, a esa hora pensabamos que non atopariamos ninguén no asteleiro, pero iamos comer para as 15 horas para cando escomenzaran alí a traballar estivésemos presentes.

Proa do galeón.

Proa do galeón.

O asteleiro estaba aberto, e alí na explanada enriba dun carro estaba o noso galeón, estivémolo revisando Brea e mais eu, e vimos que o carpinteiro lle tapara algúnha xunta, pero que seguramente non chegaría. Pronto chegou alí o vixiante do asteleiro que é o encargado de subir e baixar os barcos, e logo tamén chegou o carpinteiro, un home moi singular, xa que nos contou unha serie de historias canto menos curiosas: Que ten un barco traballando no Caribe, en Illa Margarita, levando pasaxeiros e que alí mesmo estaba a reparar  un barco das bateas para cruzar o charco e levalo tamén ao Caribe, tamén que estaba a reparar un veleiro da Copa América de 1903.

Problemiñas coa bomba, detras Luis co seu barco a espera.

Problemiñas coa bomba, detras Luis co seu barco a espera.

Volvamos a nosa historia, eran as 14:30, e o estómago xa pedía algo, así que fomos a comer, a volta baixariamos o galeón e faceriamos unha proba, durante a comida estivemos a falar da lastima de non aproveitar o bo tempo que tivemos, xa que esta seman ía facer mal tempo. Chegamos o asteleiro a iso das 15:30, a partir de aquí ían acontecer unha serie de acontecementos todos negativos, menos o resultado final que foi inesperadamente moi positivo. Cando voltamos o asteleiro, o barco xa estaba na auga, xa perdemos a oportunidade de ver por onde lle entraba a auga. A seguinte idea foi sacar o galeón da auga para poder ver por onde saia a auga. Pero o galeón xa tiña uns cantos quilos de mais, e a intentalo rachou o cabo e o galeón foi mar abaixo, xa pensabamos no peor, era que se ía saír do carro, e logo que faciamos, por que alí non había onde amarrar o barco.

A bomba escomeza a funcionar.

A bomba escomeza a funcionar.

O galeón aínda que non saíu do carro, si que lle caeron os calzos, polo que facía case imposible volver a subilo a terra. A partir das 16:00, escomenzamos a pensar que a mellor opción era o traslado a Illa. O móbil xa levaba un par de horas sinalando que a súa batería estaba agotada, e agora era fundamental. Para poder levar o barco a Illa, precisabamos o mais axiña posible:

• Que o asteleiro O Facho nos deixe quitar o barco, sen pagar.

• Contactar con Mougan, para que busque un barco.

• Conseguir unha bomba de achique.

A todo isto o día ameaza choiva, e a visibilidade escomenza a minguar, e o móbil a dar avisos de que dun momento para outro déixanos colgados, por precaución antes de nada anoto unha serie de números por si acaso. Subo a administración do asteleiro, e cóntolle o caso, pero eles dinme que a súa norma e que hai que pagar antes de saír o barco, logo de rogarlle acceden baixo a condición de que o martes a primeira hora teñamos feito a transferencia. Agora chamo a Mougan para que urxentemente, busque un barco, inténtao por varias veces pero elle  imposible. A isto xa pasan das 17:00, e a visibilidade vai minguando, seguro que xa chegamos de noite a Illa. Xa sen opcións, chamo a Luís (patrón do Novo Sofia), resulta que se atopaba na Illa, para levar o barco das bateas, para Vilanova, por que se aveciñaba mal tempo, e alí estaría mais resgardado.

Derradeiro empuxón para abandonar o asteleiro.

Derradeiro empuxón para abandonar o asteleiro.

Conteille o caso, e non dubidou en votarnos unha man, seguro que era xa unha mostra de compañeirismo a un posible barco tradicional. Agora faltaba a bomba de achique, o mesmo Luís díxome dun sitio onde alugaban ferramenta, alí me dirixo coas breves indicacións de Luís, en busca da bomba, o sitio parece calquera cousa menos un establecemento de aluguer, falo co propietario, e resulta que so teñen unha, pero que a teñen desmontada para revisala. Son as 17:30, e a situación e a seguinte, eu atópome no medio do monte sen bomba, co móbil a punto de agotarse, e Luís co seu barco cara o asteleiro, sabemos que sen bomba e imposible a travesía, póñome en contacto con Salvador (irmán de Uxío), da Illa, para saber onde poder atopar unha bomba, pero el non sabe. Entón chamo a Luís, para que de volta, e este decatase que un amigo de Vilanova ten unha bomba, tardo en dar con el, logo temos sorte a bomba semella suficiente. Está nova e o seu propietario sen coñecernos de nada prestase a deixala, a sabendas que é para bombear auga salgada, parece que a nosa sorte esta a cambiar, son case as 18:00, e saíu de Vilanova, para ir o asteleiro que esta a uns 10 kilometros pasado Cambados, no camiño teño que mercar gasolina para a bomba. Cando chego o asteleiro alí se atopa, Luís co seu pequeno barco das bateas, para remolcar o noso galeón. A bomba parece que non quere arrancar, o final faino e achica bastante auga, a manobra de enganche e un pouco rara, xa que os dous empregados do asteleiro, son tan atentos como un pouco torpes, para axudarnos sacan unha pequena planeadora, cun gran motor un V8 de 300 CV.. E o momento de partir, son as 19:00, case de noite, e aínda vamos a ter un problema mais. A bomba achica aproximadamente a mesma auga que entra, cando o galeón esta parado, deberiamos achicar o máximo posible, para ter unha reserva. Lonxe diso aínda o barco se pon en marcha, a cadoira ábrese, e a auga entre a tope, unha rápida manobra de Luís que lle coloca un destornillador e un trapo tapona a entrada de auga. En vez de levar unha reserva, xa partimos con sobrepeso. Parten cara Illa, indo Brea no galeón atendendo a bomba de achique, esta vai mantendo un nivel de auga aceptable, canto menos non aumenta. Iso indo despacio, pero iso non pode ser, xa que a visibilidade é escasa, e o mar xa leva baixando un par de horas. O aumentar a velocidade aumenta a entrada de auga. Eu vou a Illa por estrada, nunca unha viaxe se me fixo tan larga, aínda mais por que me resultaba imposible manter un contacto visual con eles. Cando chego a ponte da Illa aínda non os vexo, cando estou a rematar de cruzar a ponte, escomenzo a ver saír unha pequena luz de entre as bateas. A esas alturas o móbil xa estaba inservible, e dinme conta que levaba horas sen falar con Mougan, e que igual xa marchara do asteleiro. Cheguei alí e atopeime con outra noticia negativa, practicamente non tiñan medios para fondear o barco nin para a amarralo. A iso das 20:00 despois dunha hora de travesía chegan o lugar de fondeo na Illa, este sitio de fondeo e o mais ruín que un se poida imaxinar, tratase dunha praia completamente chan, con aproximadamente uns 50 cm. de calado, e con gran cantidade de cons (como lle chaman na Illa). A manobra é do mais complicada, corren os dous barcos serio risco de varar, co que iso significa, xa que para a noite dan alerta de temporal, podemos perder os dous barcos.

Escomeza o remolque.

Escomeza o remolque.

A manobra de Luís resulta perfecta, e consigue saír sen quedar varado polos pelos. Para achegar o noso galeón a terra, precisamos tirar del dende terra, o final queda nunha posición perfecta, en canto amarramos o galeón, vimos que o mar xa baixara moito, e dicir se chega 10 minutos mais tarde, teriamos que deixar o galeón a uns 150 metros de terra, sen rizóns, e mercede do temporal.

O traxecto que recorreu.

O traxecto que recorreu.

Despois de todo conseguimos facer algo impensable, comentábame Brea de volta a casa que se atopaba moi contento, eu aínda mais, as circunstancias fixeron que arriscásemos o proxecto, o barco de Luís e incluso a vida de Luís e Brea.

¡Por fin! na Illa de Arousa, o lado do Adelino Manuel.

¡Por fin! na Illa de Arousa, o lado do Adelino Manuel.

Con iso chegamos a Bertamirans as 22:30, e Brea aínda ten que ir para Tal onde non chegara antes dunha hora. Nada máis chegar a casa o primeiro que fago e chamar a Ramón para que o martes lle faga a transferencia ao asteleiro. En Mougan vai a estar varios meses, cando este rematado pasaráse a outro remolque, esta vez a Abelleira, e esperemos que en mellores condicións.

O Ferreiro

Benvidos…a bordo..

Benvidos a este novo espazo blogueiro da cultura marítima. Dende a modesta parroquia de Abelleira, no embigo da ría de Muros estase a crear un movemento da cultura marítima que nos leva a proxectos moito máis ambiciosos que a anterior Buceta. O proxecto de restauración do galeón parece que nos queda un pouquiño grande para unha aldea tan pequena, pero a nós gústannos os retos. Unha das ideas principais que nos levou a tomar esta decisión, despois do éxito da Botadura, era a de que actualmente case non quedasen galeóns orixinarios construídos para a navegación a vela  e que na Ría de Muros non navegue actualmente ningún destes tipos de embarcacións.

Na Ría de Muros navegaba un subtipo do galeón, o Sancosmeiro, era un pequeno galeón con, proporcionalmente, algo máis de manga que os habituais e que facía os transportes de mercadorías e persoas no interior da Ría. A orixe do seu nome e un tanto contradictoria, xa que hai versións que din que é debido a que os barcos se facían en San Cosme (Outes) e outras que din que se lles chamaba así porque unha das súas principais rutas era Noia-San Cosme

Os galeóns, a mediado do século XX, deixaron progresivamente de navegar a vela ó iren incorporando motores, e a medida que o transporte marítimo interior ía decaendo foron cambiando o seu cometido. Moitos galeóns foron reconvertidos en auxiliares das bateas e sometidos a severas reconstruccións, de feito na Ría de Arousa ós barcos bateeiros aínda se lles chama galeóns. Outros foron incluso convertidos en bateas, usando os seus casco como estructura central da que saían as vigas das que colgar as cordas de mexillón.proa

A idea primixenia deste proxecto era a busca e restauración dun Sancosmeiro, xa que por tamaño e como embarcación propia da Ría de Muros, era a máis axeitada para o que pretendía A Ostreira, pero, por desgracia, xa non hai ningún Sancosmeiro, e polo tanto o proxecto cambiou de orientación á busca dun barco o máis orixinal posible.rh1Se queres estar ao tanto de como vai este proxecto, so tes que entrar neste blog, no cal iremos informando pouco a pouco dos pasos que vaiamos dando. Inda estamos empezando, pero agardamos telo o máis actualizado dentro do posible, poñeremos máis fotos, máis cousas en xeral relativas a este proxecto, benvidos a bordo.