Feeds:
Artigos
Comentarios

Posts Tagged ‘Cortegada’

O xoves 17 de decembro, aproveitando que facía unha tarde estupenda, fría pero moi soleada, decidín ir ata a Illa de Arousa a coñecer o RH1, e ver como ían avanzando os traballos no Estaleiro de Mougan.

Sei que pode parecer raro que a estas alturas aínda non vira o barco máis que en fotos, e máis sendo un dos que apostou polo proxecto dende o inicio, pero xa tiña ganas.

Así que agarrei a cámara de fotos, e tirei para alá, acompañado do maior dos meus fillos.

Dende Pontevedra son menos de 45 minutos de coche, nun paseo polo interior do Salnés e practicamente todo por Autovía e Vía Rápida, so uns 15 km de estrada.

Xa na ponte da Illa víase claramente o Rei do Mar dos amigos da ACD Dorna varado na praia indicando a situación do taller de Mougán.

Mesmo na porta do estaleiro estaba o RH1 xa ca popa case espida do forro e sen resto das varandas que tiña na cuberta

Mentres estaba facendo esta foto acercóuseme Manuel Mougan fillo, e antes de que dixese nada identifiqueime como membro do grupo de traballo da Asociación de Veciños de Abelleira, e sen ningún inconvinte seguín ca miña laboura de “reporteiro”. Logo confesoume que case me vota unha bronca, xa que moita xente se achega a facer fotos sen sequera pedir permiso, pero unha vez identificado non tiven ningún problema, el mesmo facía tamén algunhas fotos, supoño que para ir documentando o seu traballo.

Vixiando ó pequeno e apartándonos dos sitios nos que ou molestábamos ou corríamos risco, xa que estaban a mover unas pezas grandes do interior do barco, seguín facendo fotos do estado do galeón.

Tanto da popa.

Como da proa

Nesta foto cun dos traballadores de Mougán a bordo, da unha boa idea das dimensións do RH1

Ó pouco tempo de andar por alí ás voltas achegouse a min Manuel Mougán, que nese preciso momento estaba tentando falar co Ferreiro. A súa cara non presaxiaba nada bo, atopabámonos co primeiro contratempo, unha das cadernas da aleta de babor que parecían nun perfecto estado, está podre na parte do forro

E para que se transmitise mellor a información tomei estas fotos da caderna.

O certo é que me pareceu preocupado, e a min nese momento foi como si me votasen un xerro de auga fría, si hai máis cadernas podres só se vai descubrir cando se vaia recravando o forro, e notarase porque non agarrarán os cravos, e eso non vai ser bo.

Máis en frío, na casa, vendo as fotos, non me parece tan grave, hai que miralo con coidado, pero semella que hai caderna suficiente como para que os cravos agarren, falamos de cadernas duns doce cm. nos que estarían afectados os dous ou tres cm. máis próximos ó forro, así, se o cravo é suficientemente longo, agarrará, en todo caso as cadernas que se poidan substituírse deberían cambiarse, é evidente que canto máis se faga agora mellor, pero claro, esa era a miña visión de profano. Ó día seguinte Brea xa ía pasar a velo barco, e cando Brea e Mougan falasen fariámonos unha idea mellor.

Xa aclarado con Mougan que con quen debía falar era co Ferreiro, que eu só era o “fotógrafo”, seguín a dar unhas voltas ó redor do galeón e vendo como xa desmontaran toda a roda, que tamén tiña algúns cachos podres, pero moito menos importantes.

Unha das cousas que non me encaixaban ca preocupación que me transmitía Mougan era que si a cousa era tan seria como a pintaba, por qué non estaba parados, e seguían a tomar medidas na roda e desmontando cousas. O feito de que seguiran traballando dábame tranquilidade, había imprevistos, pero serían solventables, e a preocupación debía ser máis unha sensación miña que unha realidade.

Seguín facendo máis fotos, tentando que se vise o máis posible do barco, incluso tentando que nas mesmas fotos se visen uns cachiños dos outros galeóns que están alí, tal e como se albisca nesta foto, o Cortegada da Asociación Rompetimóns, á esquerda, que ten unha estampa preciosa, e varado na praia o Rei do Mar dos nosos amigos da ACD Dorna, que cada día está máis bonito.

Non me puiden resistir a tirarlle unha foto ó Cortegada

Pasado un bo rato, e despois de compartir algunhas impresións con Mougan sobre a imposibilidade de fuxir do Murphy ese, decidín marchar, sobre todo porque o pequeno xa se cansara de ver barcos e xa non me deixou nin sacar unha foto do Rei do Mar, había que ir ó parque, cousas dos nenos.

A viaxe de volta a Pontevedra, foi “aderezada” con conversas co Ferreiro sobre o tema das cadernas, nas que reafirmaba a miña inquedanza, e lle contaba as miñas impresións. Ó final todo quedaba pendente da visita de Brea ó estaleiro, e segundo o que vise no barco e co que falase con Mougan tomaríanse decisións.

O venres 18 non pasei un bo día, durante toda a mañá mantiven esa sensación de inquedanza, sentía que o proxecto no que nos implicáramos uns meses atrás estaba de novo no aire, case tanto como cando a bomba non quería traballar o día do traslado, toda a ilusión que puxéramos no proxecto, todo o esforzo e traballo realizado na presentación, tódolos compromisos e boas palabras podían irse ó traste.

Pasado o mediodía chamoume o Ferreiro coas novas da visita de Brea ó galeón, reafirmaba o que nos dixera Mougan e as cadernas danadas ían ser substituídas, ademais a quilla que parecía en bo estado tamén estaba un pouco tocada, así decidiuse cambiala quilla, e ir vixiando as cadernas a medida que se fose recravando o forro e si era preciso substituiríanse outras cadernas.

Segundo Brea, supoñemos que sacado da experiencia ou de algún “ancestral segredo” dos carpinteiros de ribeira, os barcos podrecen máis pola popa que pola proa, así que é probable que non atopemos máis cadernas malas.

Ó cabo, o galeón verá substituída a proa, a quilla e o codaste, con unha reforma total da popa, case imos ter un barco novo a estrear.

Seguimos adiante

Xaquin Fabeiro

Read Full Post »