Feeds:
Artigos
Comentarios

Posts Tagged ‘cuberta’

O proceso de restauración do galeón será unha sucesión de tomas de decisión, algunhas serán executivas e rápidas, outras permitirán o debate e enriqueceranse cas opinións de todos. Sorprendentemente, e antes do que nos esperábamos, temos que ir tomando unha decisión sobre o deseño do barco, e cando hai uns días comentaba este tema con Xavier, comprobamos como opinábamos totalmente distinto o que nos dou pe a pensar que era unha boa oportunidade para solicitala colaboración de todos os que nos lesen mediante os seus comentarios.

Si ben todos temos claro que os galeóns son barcos de carga, non temos tan claro como se traballaba con eles. O traballo que realizaban estes barcos afectaba á distribución interior do barco e por suposto á cuberta.

Á vista das fotos de galeóns restaurados ou en proceso de restauración podemos ver cubertas como a do Adelino ManuelFonte www.modelismonaval.com

Na que se aprecia unha bañeira de navegación e unha caseta con unha entrada pequena con porta corrediza.Esta distribución da cuberta repítese no Luisa

2

Esta disposición, bastante común nos iates de recreo, a min non me parecía lóxica nunha embarcación dedicada á cabotaxe. ¿Cómo se ían mover vultos, sacos, madeiros, etc. por esa portiña tan pequena?

Na observación doutros galeóns recuperados vemos outras distribucións de cuberta, por exemplo esta do Nuevo Sofía

3

Aquí xa vemos unha distribución na que se aprecian dúas casetas grandes á popa do mastro e unha á proa máis pequena, pero o máis importante é que a caseta central parece pechada con varias tapas dispostas para deixar a adega ben aberta.

Outro exemplo é a distribución do Eliseo

4

Na que se volve a repetir a distribución do Nuevo Sofía.

Esta distribución, máis coherente co traballo que realizaban os galeóns, encaixa cas fotos que podemos ver dos galeóns na súa época, como estas de galeóns en Muros,

56

Na primeira vemos as tapas para deixar ó descuberto a bodega, e notamos a ausencia da caseta máis a popa, probablemente pola ausencia de motor, dado que a foto é dos anos vinte. Na segunda podemos ver algunha das cubertas abertas para recibila carga.

Así vemos en esta foto de Vilanova como a cuberta do galeón está totalmente aberta para permitir o acceso á bodega

7

Curiosamente, esta última foto desvélanos algo que non estábamos a ver nas anteriores. No galeón vislúmbrase unha bañeira de navegación, algo curioso, xa que non se repetía en ningunha outra foto das antigas, e prescinde da caseta para o motor, probablemente porque non tiña motor. Esta distribución foi a que elixiron no obradoiro Mar de Vigo á hora de facer o Galeón Coruxo, que como vemos nestas fotos ten unha pequena bañeira para a navegación e tapas desmontables para abrir a adega.

8

Todas estas imaxes debían estar apoiadas na descrición dun galeón e confirmeino lendo o libro de Jesús Blanco “Guía de las embarcaciones tradicionales gallegas” no que di:

9

Deste xeito creo que estamos no punto no que hai que decidir que tipo de restauración imos facer, imos a buscar o máis tradicional e propio do barco ou imos a facer unha interpretación máis moderna.

Ó meu entender os motivos para facer unha caseta e bañeira moderna son a comodidade á hora de navegar e posiblemente a seguridade da tripulación en caso de mala mar.

Os motivos para mantela igual que cando se usaban son o respeto ó deseño orixinal do barco e a restauración fiel.

A terceira distribución con bañeira e cuarteles para a adega, que vemos no Coruxo, resulta moi interesante porque introduce a posibilidade, apoiada nas imaxes antigas, de que unha restauración fiel poida levar bañeira.

E quedaría unha cuarta posibilidade que non está explorada, que sería mesturando o visto, dispor unha bañeira para a navegación e unha entrada á adega con porta corrediza, pero ó tempo manter a posibilidade de abrir completamente a adega, para poder seguir amosando como eran este tipo de barcos cando traballaban.

Chegados a este punto esperamos os comentarios de todos, para que cando teñamos que decidir o fagamos da forma máis documentada posible.

Xaquin Fabeiro.

Read Full Post »