Hai meses que tiñamos comprados uns 1300 quilos de chumbo.Nunha visita a un desguace mariño, atopamos que estaban desguazando un pesqueiro, estaban cortando o chumbo do lastre do barco, era unha moi boa oportunidade de facernos con un chumbo limpo e non podía deixarse pasar. Cortáronnos dous bloques de algo más de 600 quilos cada un, o que custou ter que facer dúas viaxes á Coruña co patrol e o remolque. Os bloques eran uns dados de, aproximadamente, 40cm de lado e ata hai moi pouco as dimensións dos bloques non parecían un problema, total o chumbo córtase ca navalla, non?
Despois da proba de estabilidade, Fani díxonos como tiñamos que situar o lastre, e tocáballe uns 300 quilos o máis a popa posible e o os outros 1000 por diante do mamparo da cámara do motor o máis a cruxía posible, polo tanto había que cortar os bloques en anacos manexables e que permitiran acomodalos.
A miña primeira impresión foi “metémoslle a motoserra”, fun tratado de tolo, pero como eu non tiña unha motoserra que arriscar e a inversión de comprar unha para tal proba parecía excesiva, seguimos a buscar solucións. Non faltaron quen pretendían fundilo “total os chumbos de pescar toda a vida se fundiron na lareira”. Os primeiros intentos, alá os primeiros de abril, foron con serras de metal, na semana santa o Ferreiro e máis eu fixemos unha lixeira rascadura nunha esquina que non pasou duns poucos centímetros, traballando durante máis de media hora, a quendas, os dous ao tempo… a serra descartábase. Ese mesmo día decidíase probar a tentar cortalo con un soprete de oxiacetileno, e si non eramos capaces, polo menos fundilo. O soprete que nos prestaron en Abeijón non foi capaz de atacar tremendas moles, e para máis o chumbo que fundía solidificaba ao momento sen que puidésemos aproveitalo para botar no molde.
Así o tema, entrábamos en maio e pedíamos presuposto para fundilo nunha fundición, pero antes había que facer un último intento, o Fininho trouxo unha lanza especial que debería ser capaz de facer os cortes que ata o momento non foramos capaces. Para rematar as nosas desventuras a lanza non se adaptaba ás bombonas das que dispoñiamos, pero ese día había outro que debía estar tan tolo coma min e el si probou coa motoserra, Indalecio foi quen de cortar o chumbo, segundo parece a motoserra levou o chumbo sen problema, disque mellor que a madeira.
O único que me consola despois dun mes de intentos e de uns cantos euros tirados en inventos é que non estou tan tolo como algún pensou.
Xaquín Fabeiro.
Deixar unha resposta