Chegou ao fin o momento de por o pao do galeón no seu sitio. A cita era o sábado día 15 a partir das 9:30 no barco. Un par de semanas antes xa se cargara o pao no barco e ao longo desa semana instalárase no pao a electrónica, luces de navegación e os ferros precisos para montar os estais, obenques e manobra.
Entorno ás 10 da mañá xa estabamos todos os habituais e algún máis de reforzo, a ocasión merecíao. Contábamos tamén con Raúl de Nauelec e Ramón do Taller de Velería que viñeron un a rematar algúns traballos antes do izado do pao e o outro a tomar as medidas definitivas para as velas, pero os dous acabaron botándonos unha man máis que benvida.
Mentres Raul de Nauelec ía montando os cableados dos equipos electrónicos os demais íamos colocando cada cable da arboradura no seu sitio, cos tensores e grilletes correspondentes. Pouco a pouco todo ía encaixando, houbo que cambiar un par de luces que estorbaban á manobra e facer algún pequeno remate na perilla que instalara Brea eses días.
Logo colocamos unha placa de cobre rodeando o pao, nesta placa vai ser o lugar onde traballe a boca da verga e hai que protexer a madeira do roce coa verga.
Cando Raul selou os ferros con Sika, amarramos todos os cables da arboradura, puxemos unha polea que nos prestou Ramón e o pao xa estaba listo para ir ao sitio.
En canto tivemos todo listo comezamos a discutir como íamos realizala manobra de izado, que si eslingamos por aquí, que si a grúa por acola, …. cando a grúa de Almacenes O Castillo chegou xunto o RH1 a expectación comezou a medrar.
O primeiro que houbo que facer foi cambiar o pao de sitio, xa que estaba coa perilla cara a proa, porque houbo que instalar a cruceta, o radar e os ferros, e deste xeito era mais doado para traballar. Así que eslingouse por dous puntos o mastro e a darlle a volta
O pao suspendeuse por riba do barco xirándoo e volvemos a pousalo para quitar as eslingas, aí os primeiros equilibrios do día tocáronlle ao Fininho que tivo que ir a soltar as eslingas por fora da popa. Agora tocaba volver a colocar as eslingas, esta vez nun só punto, e levantar o pao, agora si encamiñábamos o pe do pao cara a fogonadura, custou un pouco pasar as serviolas, pero logo diso foi dereitiño á fogonadura.
Para ir levándoo ao seu sitio e gañar algo de seguridade colocamos o estai da trinqueta, que quedara algo curto, pero solucionouno Ramón con un cabo.Por mor dun erro na toma das medidas a pía do mastro non estaba lista, así que situamos o mastro no sito coa axuda da grúa, entre Manolo París i eu colocamos uns tacos provisionais e marcamos o lugar da pía. Nese momento tomou o “mando das operacións” Brea, que coa axuda do Fininho e Verán comezou a traballar a sobrequilla furando co taladro e valeirando o oco coa trencha.
O choio foi máis longo do esperado, pero cando ao fin o mastro foi caendo no seu aloxamento, esvarando na pía foi realmente emocionante.
Usando as manobras de navegación en popa axustamos a posición e fixamos o pao, xa se podía soltar o mastro da grúa, e para iso tiñamos un especialista nos traballos en altura, Raúl o Canaxo, que traballa nos eólicos púxose o arnés e coa axuda da polea que deixáramos posta a tope do pao subiu a liberar a eslinga da grúa. Por fín o mastro estaba no sitio e suxeito polos propios medios do galeón. Un aplauso sonou nas mans dos poucos que a esas horas, preto das catro da tarde, quedábamos no barco.
Esa tarde coa axuda de Ramón rematouse de colocar o mastro coa súa inclinación xusta e sustituise o suplemento de cabo do estai por unha cadea que resulta moito máis axeitada para esa tarefa.
Un paso máis cerca….
Autor: Quin Fabeiro
Parabens!! mesmo parece que o rapaz anda.
Abelleira é moita Abelleira!
Que ben vos quedou.
Noraboa a Abelleira enteira!
A vela xa ten onde prender.
griseofulvin psoriasis cgefcedgbbad