A construcción da buceta e a posterior Festa da Botadura, fixo que a nosa parroquia fose protagonista a nivel galego, en canto as embarcacións tradicionais.
Aínda mantiñamos unha fluída relación con Brea, carpinteiro, cando pouco a pouco foi xurdindo a idea, de dar unha volta por San Cosme e Pontenafonso, por si houbera algunha embarcación tipo “sancosmeiro”, para poder recuperar, pero sen ningún compromiso, unha vez efectuada a xira, o resultado foi negativo, tiñamos chegado 20 anos tarde.
Cando xa tiñamos desistido de ampliar a nosa flota, Xaquin Fabeiro púxonos sobre a pista dun galeón en Cambados, gracias ós contactos que mantiña coa xente do Clube Mariño A Reiboa de Poio e da Sociedade etnográfica Mascato dende o Encontro de Embarcacións tradicionais de Muros.
A primeira impresión, foi que era moi grande, tiña unha eslora de 12 metros, e nos tiñamos pensado algunha embarcación de 8 metros.
Pouco a pouco fomos mudando a nosa opinión “barco grande ande ou non ande”, era broma, quizais a causa fundamental para decidirse, foi que se trataba dunha oportunidade única, xa que este tipo de embarcacións, practicamente e imposible encontralas.
Tratase de embarcacións de mais de 60 anos, dedicados ao transporte dos máis diversos materiais ao longo das nosas rías, que foron construídas para desprazarse a vela, polo que tiñan unhas características especificas: panzudos de proa, con moita manga, popa redonda. Barcos robustos e sen embargo moi manexables, coa súa fasquia de proa levemente lanzada e aparello de balandro, botalón e percha; velas de foque, trinquete e cangrexa.
A figura do galeón a vela, desapareceu das rías, foron logo transformadas, instalándolle motores, cambiándolle a popa, quedando a maioría como barcos auxiliares das bateas e incluso como bateas.
Diversas asociacións de Galicia tentan preservar este patrimonio cultural, na actualidade xa recuperaron 8, e algún máis esta a punto.
A Asemblea da AVV. do 5 de setembro de 2009, logo de ser convintemente informada, aprobou a adquisición e restauración da embarcación, RH1. par poñer en valor o galeón coma parte da cultura marítima de Galicia, e da ría de Muros, máis concretamente. Debemos ter presente a existencia deste tipo de embarcacións na nosa parroquia, quizais o mais recordado, sexa o “Adelino Manuel” (Precioso), que tráxicos recordos trae a nosa parroquia. Este barco esta a ser restaurado por unha agrupación de xovens.
O uso que se lle pode dar, unha vez rematado, quizais sexa o que mais preocupa aos nosos veciños, a continuación propoñemos diversas actividades, nos as únicas, para desfrute desta embarcación:
- Barco-escola, para colexiais do concello de Muros, onde ademais de poder navegar, poidan coñecer como eran as condicións de vida dos mariñeiros desa época.
- Un atractivo turístico ao formar parte da paisaxe portuaria da nosa parroquia, e do futuro club náutico de Muros.
- Bandeira da nosa parroquia para conseguir un peirao digno na nosa parroquia.
- Singraduras pola ría aos diversos colectivos e entidades que participen no finanzamento para a restauración do galeón.
- Actos de publicidade para as entidades participantes.
- Participación nas diversas concentracións de embarcacións tradicionais, levando o nome de Abelleira e Muros e das entidades colaboradoras, polos portos de Galicia.
- Unha ferramenta para que a xuventude se relacione con outros colectivos de Galicia
Ánimo, nos veremos navegando nas augas da ría…
Dado que formo parte da tripulación do Vieta espero veros en Abelleira nos próximos días…
Unha aperta
Lino