Feeds:
Artigos
Comentarios

Posts Tagged ‘Asociación Ravandeira’

Despois de que os teléfonos chegaran mesmo a botar fume, por fin chegou o día da Presentación.

O punto de encontro foi no Bar Hórreo de Abelleira á unha do mediodía. Sobre a unha e media estabamos boa parte dos membros do Grupo de Traballo do Galeón da Asociación de Veciños “A Ostreira” dispostos en comité de benvida, para atender a Víctor, Luís e Jesús. Outros membros do Grupo acompañados de voluntarios e voluntarias da asociación xa levaban un bo anaco preparando a carpa no exterior e o salón de actos do Local Social de Sorribos

Unha cervexa fresca e unha tapa de orella foron boas compañeiras da pertinente presentación  e primeira toma de contacto nunha xornada que desexabamos proveitosa para a Cultura Marítima.

O Grupo convidou aos conferenciantes a un xantar en Serres, concretamente no Restaurante Marbella de Boa Vista, topónimo acaído que non precisa maior explicación sentados na terraza cuberta do restaurante. O pano de fondo da figura familiar de Montelouro, os restos dunha antiga salgadeira nun primeiro plano e a vista que continúa ata as salgadeiras e porto de Anido, ata Muros descansando dos ventos e o conxunto da boca da Ría. En definitiva unha atalaia desde a que contemplar toda a riqueza patrimonial desta parte da nosa Ría, e na que establecemos conxuntamente finalmente todas as pautas que ían definir o acto de presentación.

Sobre as catro, e coas tarefas de cadaquén establecidas en función da claridade da mensaxe que queriamos transmitir, levantamos da mesa e directos para o Peirao de Abelleira.

Chegamos a Sorribos e estaba todo perfectamente preparado, unicamente faltaba a xente. Comezaron a chegar veciñas e veciños de Abelleira, representantes das asociacións de cultura mariñeira da Ría; do Grupo de Cultura Mariñeira da Asociación Cultural “O Xeito” de Esteiro, da Asociación Mar de Muros, da Asociación Joaquín Vieta de Noia, de Xubimar (Asociación Muradana de Xubilados do Mar), e Manuel Caamaño do blog Homes de Pedra en Barcos de Pau.

Tamén chegaron os representantes políticos da administración municipal, provincial e autonómica que tiñan confirmado a súa asistencia así como a prensa escrita e audiovisual. Seguen a chegar veciñas e veciños de Abelleira e persoas interesadas na cultura marítima da contorna.

O acto estaba previsto para as cinco da tarde, e as cinco e cuarto pouco máis ou menos demos comezo á presentación nun salón de actos literalmente ateigado de persoas.

Rompeu o xeo O Ferreiro, Presidente da Asociación de Veciños “A Ostreira” cunha intervención na que fixo un repaso de todo o feito desde Abelleira no ámbito da cultura marítima centrándose principalmente na construción e botadura da buceta e do que significou o IX Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia celebrado en Muros, como precedentes do proxecto máis ambicioso de darlle vida a un Galeón das Rías e impulsar o coñecemento e a salvagarda do inmenso tesouro que representa o patrimonio marítimo no seu conxunto. Incidiu tamén na necesidade de Abelleira de contar con mellores instalacións portuarias para a xente do mar, chamando a atención sobre outras carencias da parroquia entre as que destacou a deficiente conexión a internet, impropia dos tempos actuais.

A respecto da cultura marítima e do proxecto do Galeón de Abelleira expuxo textualmente:

a nosa intención, foi xuntar aquí a tres vértices dun triangulo, que esperemos que sexa amoroso:

-O promotor deste proxecto é a AVV a Ostreira, na que se encontran asociados mais do 80% dos veciños de Abelleira.

-As asociacións da cultura marítima, e fundamentalmente a súa Federación, que tanto nos axudaron coa buceta, e que esta xa a axudarnos co galeón, en especial José Luís, da Asociación Ravandeira, fundamental ata o de agora.

Esperamos facer un bo traballo e responder á confianza que puxestedes en nós.

-Para completar o triangulo, convocamos hoxe aquí, o derradeiro vértice, a administración, para explicarlle convintemente o proxecto, e pedirlle a súa axuda.”

Unha mostra clara da aposta polos plantexamentos colaborativos superadores do individualismo e a atomización, e unha chamada de atención ás administracións para que abandonen posicionamentos partidistas e respalden os proxectos que son froito dunha cidadanía unida.

A continuación presentouse o equipo de persoas que compón o Grupo de Traballo do Galeón de Abelleira da Asociación de Veciños “A Ostreira”, e que asume a responsabilidade de realizar todas as tarefas que axuden a impulsar a arribada a bo porto do proxecto:

José Antonio Rama (presidente da asociación), Xavier Veloso, Xaquín Fabeiro, Moncho Bouzas, Juan Verán, Tono León, Ramón Piñeiro, José Manuel Fernández, Manuel Tobío Tobío, Manuel Tobío Rivadeneira e Manuel Brea (mestre carpinteiro).

A quenda de palabra recaeu a continuación sobre Víctor Fernández, presidente da Federación Galega Pola Cultura Marítima e Fluvial. Invitou a todos os asistentes a dar un paseo pola beiramar e apreciar os elementos que compoñen o patrimonio marítimo; a propia paisaxe, casas e edificacións, o ecosistema mariño, as embarcacións, tamén as crenzas, as artes de pesca e os exvotos,… Transmitiu a amplitude da cultura marítima apoiándose no concepto elaborado polo expresidente da Federación, Dionisio Pereira.

A través dunha exposición amena e clara conseguiu compartir con todas as persoas reunidas no Local Social de Sorribos o amplo e valioso que realmente é, a pesar da súa aparente invisibilidade, o patrimonio marítimo e a necesidade da súa posta en valor como primeiro paso para o aproveitamento efectivo desta inmensa riqueza.

A continuación realizou a súa aportación Jesús Blanco, Profesor de Física da Escola de Enxeñería Técnica Industrial da Universidade de Vigo e autor da Guía de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que tan útil está a resultar para a o enriquecemento do debate no que se sustenta a acción cultural do Grupo de Traballo.

Jesús realizou unha intervención na que puxo nun primeiro plano as características técnicas do Galeón das Rías, como tipoloxía resultado dunha hibridación da lancha do xeito, conxugada coas influencias da diversidade de embarcacións de transporte de mercadorías que abarca a area xeográfica comprendida entre o norte de Portugal e a cornixa cantábrica desde a alta idade media ata o século XX.

Ilustrou, apoiándose nunha combinación de fotografías históricas e outras actuais de galeóns recuperados ou construídos recentemente, a fasquía característica do Galeón.

Tamén a cuberta, aberta, corrida e sen bañeira de navegación. Defendeu a importancia da axeitada elección da arboradura na recuperación dun galeón como elemento de carácter esencial e non como un aspecto complementario ou accesorio, co que deixou aberta unha canle de debate necesario que terá que abordar o Grupo de Traballo e ao que está convidada toda a cultura marítima organizada por extensión.

Deixou de manifesto a representatividade do galeón do conxunto de embarcacións tradicionais, e a respecto do patrimonio marítimo e a cultura que o contextualiza. A aportación de Jesús foi fundamentalmente a de proporcionar e compartir unha visión en base a categorías teóricas sobre o galeón.

A intervención de Jesús complementouna Luís Iglesias, membro da Asociación Náutica Ravandeira e Patrón do Galeón “Nuevo Sofía”. Explicou cuestións concretas do proceso de recuperación no Nuevo Sofía e tamén a fórmula concreta de uso social que converte o seu barco nun tesouro, cunha longa estela de navegacións e polo tanto unha extensa traxectoria no exercicio de embaixador no mar da nosa cultura marítima. Luís explicitou e reiterou a envergadura do proxecto de recuperación do Galeón así como a súa inquebrantable vontade de colaboración. A aportación de Jesús foi principalmente fornecer, de consideracións de carácter práctico e desde a experiencia, un proxecto que bota a andar.

Pechou a quenda de intervencións explicativas do Proxecto do Galeón de Abelleira Xaquín Fabeiro, membro do Grupo de Traballo. Informou sobre a nova da que eramos coñecedores nas últimas horas de que o Galeón xa se atopaba na zona de traballo do Asteleiro Mougán da Illa de Arousa. Expuxo a última información que temos do proxecto de enxeñería encargado a Gestenaval, así como a concreción sobre o plano das instrucións que o grupo e o conxunto da asociación a través do debate democrático considerou pertinentes transmitir.

Expón asimesmo a elección sobre o modelo de cuberta que foi considerada máis adecuada e tamén a dimensión da embarcación con 12 metros de eslora por 3,90 metros de manga fóra de forros e 1 metro de puntal. O que permitirá a navegación con doce persoas entre os que, respetando a normativa ao respecto, tres serán membros da tripulación  e as restantes nove  prazas estarán dispoñibles para calquer dos usos  ós que está previsto destinar o barco. Indicou que o Grupo de Traballo ten carácter aberto e invitou a toda persoa interesada a integrarse e colaborar.

Comezou entón unha quenda de intervencións dos representantes políticos das administracións públicas, que foron convidados a participar na presentación coa finalidade de facelos partícipes dos aspectos que definen o Proxecto do Galeón de Abelleira. Todos eles, sen distinción de cor política, manifestaron publicamente o seu respaldo ao proxecto e a importancia que lle conceden á cultura marítima como factor de riqueza xerador de benestar social, o que consideramos especialmente importante na medida en que contamos con cargos electos das tres principais formacións políticas galegas, PPdeG, PSdeG e BNG.

Compartiron a xornada con nós:

-Caridad González Cerviño, Presidenta da Comisión de Cultura de Deputación Provincial de A Coruña.

-María Nava Castro, Directora Xeral do Comercio da Consellería de Economía e Industria.

-Rosa Quintana Carballo, Conselleira do Mar.

-Domingos Dosil Cubelo, Alcalde do Concello de Muros.

Chegamos así ata as sete da tarde aproximadamente e dado que estaba no seu punto a mexiloada, trasladamos o espírito de diálogo á carpa do exterior, na que se ben xa refrescara o tempo, estivemos comodamente dando boa conta das viandas e charlando.

Finalmente proxectouse íntegro o Vídeo da Botadura da Buceta, que foi o broche final dunha xornada que no Grupo de Traballo do Galeón xulgamos moi positivamente na medida en que o Proxecto do Galeón madurou e conseguimos ampliar e continuar tecendo complicidades e apoios para o Galeón de Abelleira e pola cultura marítima.

Eran perto das nove da noite e a xente seguía a bulir no Local Social de Sorribos, así que amigos e amigas a xornada foi completa, completa.

Moncho Bouzas.

Read Full Post »