Feeds:
Artigos
Comentarios

Posts Tagged ‘mastro’

O Motor e o mastro.

Parece incrible, pero xa pasaron máis de catro meses dende a última publicación no blog, e por suposto, vanse acumulando as cousas que contar. Logo de deixalo barco pintado ca primeira man de pintura tiñamos a idea de rematalo nesa mesma semana de setembro, pero non foi así, aínda tivo que esperar un pouco.

Ó longo do mes de agosto xa viñamos traballando nos presupostos de instalación do motor, en principio a instalación do mesmo estaba presupostada por unha empresa de Marín, pero toda vez que o galeón xa estaba en Muros os desprazamentos comezaban a complicar o tema, así recomendáronnos a un taller de Boiro, que visitou o barco para facer un presuposto o máis preciso posible, paralelamente, a través de Tono, contactamos con un estaleiro do Freixo para que nos fixeran outro presuposto. O primeiro problema co que nos atopamos foi que o motor co que se contaba dende os primeiros pasos do proxecto non era axeitado ás feituras cheas do RH1, era un motor que rendía a moitas revolucións. O taller de Boiro recomendábanos un motor VM de 130CV que se ía con moito do noso presuposto, o estaleiro do Freixo presupostounos un Solé de 100CV que entraba dentro das nosas posibilidades. Así, a finais de setembro, aceptábamos o presuposto e o galeón collía camiño do Freixo, remolcado por Tobío, directo a Abeijón Hermanos. A primeira fase do proxecto remataba o 31 de outubro e para daquela o motor tiña que estar totalmente instalado.

O motoraso Solé de 100 CV e 6 cilindros a 2500 rpm.

Aproveitando a estancia no varadoiro do RH1 fomos pintando nel, aquelo que contábamos que fose cor óso era definitivamente branco, así que o Ferreiro voltou facer outro cambio de pintura e acadouse ese ton crema que desexábamos, ó final só acertáramos co marrón que escollemos nunha carreira no varadoiro de Muros. Mentres nós íamos dando unha man de pintura ó casco ou encintando o trancanil, os operarios do estaleiro ían preparando a instalación do motor. Así, houbo de prepararse un oco no codaste que permita a extracción o eixo para a súa revisión sen ter que movelo motor, reforzouse a zona con unhas pletinas de aceiro ó tempo que ían preparando e instalando os ferros do temón.

No estaleiro Abeijón Hnos. no Freixo.

A instalación do motor requiría tamén que se instalasen os depósitos do gasoil, se non de onde ía comer o Solé, así que se recuperaron dous depósitos de aceiro que se instalaron na cabina do motor. Tamén foi recuperada de outro barco a bucina, unha impresionante peza de bronce que aínda ten moitos anos de servicio por diante.

Unha vez que o barco foi a auga confirmouse o que todos supoñiamos que ía pasar, a hélice non quedaba cuberta de auga, así que en Abeijón lastraron o RH1 con uns 3000 quilos de area, agora si, o galeón volvía navegar polos seus propios medios. Ós poucos días o RH1 collía de novo camiño para Muros, pero esta vez xa sen axuda.

Aínda estando no Freixo, varado na praia ó lado de Abeijón, o RH1 recibiu unha visita moi importante, Ramón o veleiro, estivo a primeiros de decembro medindo o galeón, tiñamos que comezar a traballar nas seguintes fases. Pendente dos retoques finais, o deseño das velas danos uns cen metros cadrados, repartidos nunha maior de 62/64 metros cadrados e dous foques de 18/19 metros cadrados. Todo soportado nun pao duns 14,5 metros.

Dende que o RH1 estaba na Illa de Arousa estábamos a buscar un pao para el, e a tarefa non era doada, en verbas de Manolo Mougan “Tódalas árbores dende abaixo parecen dereitiñas, pero unha vez que están abaixo…..”, pero desta vez a sorte íanos acompañar.

O mar que moitas veces é xeneroso trouxo un pao precioso, longo (uns 17metros) dereito (como xa está deitado xa sabemos que o é), pero sobre todo barato. Ó final, o mastro do RH1 será de madeira tropical traída á costa por un temporal, este madeiro foi recollido por un veciño de Tal co que se chegou a un acordo para comprarllo. O mastro trasladouse  o día 9 de xaneiro de Muros á Abelleira, para poder levalo ó galpón de Joaquín onde se irá traballando. Levouse a remolque do RH1 e xa no peirao de Sorribos subirono a terra entre Veran, o Ferreiro, Gelito e seu irmán e Pepe, axudados co tractor.

Levounos un tempo decidir cal ía selo diámetro do mastro, preguntámoslle a todo o que nos quixo escoitar, e as medidas que nos ían dando eran un tanto dispares, así que preguntamos en Gestenaval, e Guillermo Gefaell tirando de libros antigos atopou para nos unha táboa de deseño de mastros de madeira, que confirmaba a idea que tiñamos e ó final o mastro terá uns 25cm de diámetro na base e irase afinando.

Xaquín Fabeiro.



Read Full Post »