Feeds:
Artigos
Comentarios

Posts Tagged ‘FGCMF’

Os primeiros en chegar foron os irlandeses de Cork, viñan nunha furgoneta cun remolque no que traían os dous currachs. Era xoves pola tarde e atopáronnos na carballeira, no medio do choio. Despois de montaren as tendas e daren un raite ata a praia, levámolos para cear a Sorribos, no local social. Como bos anfitrións estabamos obrigados a deixar un sabor de boca inesquecible, así que alguén apañou uns berberechos en Liñares, o clásico “puñadiño para o arrós”, que logo a man experta de Bartolo converteu nun prato verdadeiramente saboroso. Pero sempre cómpre ter un plan B e, non fora ser o demo , a arma secreta para conquistar os convidados agardaba no conxelador dentro dunha garrafa. Como non podía ser doutro xeito, o licor café levounos dereitiños á fase “cánticos regionales”, que polo que se ve debe ser unha afición universal, pois o canto da Rianxeira agradou visiblemente aos nosos hóspedes. O bo ambiente desta especie de previa, que incluso disipou os temores a posibles dificultades comunicativas, encheunos de bos presaxios para a festa. Como curiosidade diremos tamén que, ao outro día, tras probar algún prato máis, esta vez da man do Nuño, os irlandeses pedíronnos que cando os vaiamos visitar levemos o cociñeiro connosco. E deste xeito entramos na primeira xornada da Abelleira Mariñeira 2010.

O equipo organizativo.Click na foto para ampliar.

O venres á tarde foron aparecendo as primeiras embarcacións sobre a area de Ventín. Primeiro os currachs e mais dúas dornas da Arousa , que tamén chegaran en remolque; máis tarde apareceu navegando, e por sorpresa, o balandro noiés Joaquín Vieta. Dicimos por sorpresa porque, a pesar de figurar na programación, uns días antes avisaran de que lles ía ser imposible acudir. Fose como fose, finalmente alí o estaba, e non cabe senón agradecerlle á tripulación a súa presenza, pois está claro que un precioso barco coma este enriquece moito a festa. Mentres, na carballeira, comezaban a alumear as brasas e os voluntarios bulían baixo a carpa, preparando mesa e mantel para preto de duascentas persoas. Churrasco á parte , o centro neurálxico da cociña estaba en Sorribos, onde se gardaban os alimentos e xa se preparaba parte do xantar do día seguinte. Con certo atraso sobre a hora prevista comezou esta primeira cea, aínda que a verdade é que nin aos músicos pareceu importarlles. Quedárase unha moi boa noite, despois de que nas primeiras horas se levantara un vento que por momentos nos fixo temer pola carpa. Logo da cea, a relaxación (que non apatía) dos asistentes obrigou á Banda da Balbina a empregarse duro para levantalos dos seus asentos. Tras deles deseguida entraron a saco os Terbutalina, que conseguiran atraer á festa a un bo número de xente nova seguidora do grupo. Por desgraza un problema no equipo obrigou a suspender o concerto cando a cousa se ía quecendo. Conscientes de que o forte estaba por chegar, a xente foise retirando á hora que a prudencia de cadaquén lle aconsellaba.

Os currachs irlandeses.Click na foto para ampliar.

O sábado á mañá as dornas e as bucetas xa saíron navegar. A catraia portuguesa Baltazar tiña que vir por terra desde Muros, debido ao forte vento norte. E é que este foi un dos factores que máis determinou as festas deste ano. Así como un espléndido sol nos propiciaba unha perfecta xornada de praia, o exceso de vento condicionou as actividades mariñeiras e incluso o número de barcos que finalmente puideron participar. Mais iso é algo co que hai que contar nun encontro deste tipo, o vento pode xogarcha, por exceso ou por defecto, así que non paga a pena lamentarse e máis vale tirar para diante co que hai. A media mañá chama Suso , dos Lajareu por Barlovento de Ribeira, e cóntanos que de alá saíron cinco dornas pero que á altura de Corrubedo catro tiveron que dar volta. O afouto patrón da dorna que chegou confesaríanos máis tarde que el o único momento en que temeu foi cando fronte a Monte Louro, a varias horas aínda de Ventín, vía como se lle acababan as cervexas. Non acabaron aquí as incidencias , propias por outra parte de calquera xornada de navegación tradicional. Mais ou menos á hora en que nos avisan de Ribeira, desde a praia estamos vendo como a buceta Mar de Muros pasa apuros para chegar desde a vila. Na lancha de apoio levamos ata a Mar de Muros a Uxío da Arousa para que lles bote unha man. A Ostreira, que tamén saíra desde Muros e con Beiro ao leme, consegue non sen traballos chegar ata Ventín. Despois deste duro inicio de xornada, ás tripulacións préstalles máis ca a ninguén un bo xantar con salpicón de marisco e lombo de porco. Tras da extensa sobremesa a xente comezou a baixar cara á praia, onde as tripulacións con máis mono de vela xa levaban un cacho enredando co vento e as ondas. O tempo continuaba igual, con sol e vento a fartar, polo que se confirmou a suspensión das regatas a vela. Non obstante a navegación libre si se podía realizar, e a ateigada praia de Ventín non tardou en contemplar un litoral inzado de pequenas velas que cheas de vento corricaban de aquí para alá.

O balandro Joaquín Vieta de Noia.

Avanzada a tarde chegou a hora das regatas a remos. Na de dornas venceu a intrépida Jloria, de Lajareu, e na de bucetas conseguiu o triunfo a embarcación local. Así e todo cómpre dicir que en todos os casos as tripulacións eran mixtas, formadas un pouco ao acaso, algo que quedou máis patente cando na última quenda se enfrontaron os dous currachs, ambos con tripulación galego-irlandesa enrolada para a ocasión.

A nosa buceta.

En rematando as regatas a organización xa se puxo a preparar a cea, para a que os asistente foron bastante máis puntuais ca no día antes. Pouco traballo tivo o trío encargado de facernos bailar o sábado. Ao pouco de comezaren pedíuselles que parasen un intre para realizar a entrega de premios e os agasallos a todas as tripulacións asistentes. Isto permitiunos entre outras cousas volver contemplar sobre as táboas as dotes de showman do Nuño, quen dirixiu a entrega coa mesma soltura e chispa coa que fai unha paella. Sen dúbida o trofeo máis valorado foi a garrafa de licor café coa que se obsequiu aos irlandeses. En agradecemento, varios deles, armados con bouzuki, bodhram e thin whistle, tomaron o escenario nunha acción digamos que “medio improvisada”, mentres os outros se distribuían entre o público, dispostos a facernos vencer o sentido do ridículo para poñernos a bailar ao xeito tradicional irlandés. Non tardaron en unirse as gaitas e as gorxas da máis festeira tropa que teñamos o pracer de coñecer. A xente da Arousa foi coma sempre unha garantía. Todo isto, que podería parecer unha anécdota, no fondo revela o verdadeiro espírito dos encontros. Non hai protagonistas e espectadores, cadaquén pode estar dunha ou doutra banda segundo lle apeteza en cada intre. Non fai falta ter carné de nada, aínda que si experiencia, e de súpeto o músico é espectador, o mariñeiro músico e o cociñeiro, presentador.

Tono Formoso.

Agradecementos: Concello de Muros, Protección Civil Muros, Xacobeo 2010, F.G.C.M.F., as empresas patrocinadoras, tódalas asociacións participantes e como non, a xente de Abelleira que colaborou para que todo saise ben.

Fotos da Festa.

Montaxe de video coas fotos da festa.

Read Full Post »