Pasaron 1000 días dende aquel 5 de setembro de 2009 no que a AVV A Ostreira decidiu comprar un vello barco bateeiro para devolvelo ao seu antigo ser como barco de vela. Pasaron 1000 días cheos de traballos e suores, de disgustos e de alegrías, de presas e de calmas, de pintura e de madeira, 1000 días de ferros e de chumbo…
Pasaron 1000 días ata chegar ao 2 de xuño de 2012 no que o RH 1, o galeón de abelleira, por fín volveu navegar a vela.
O tempo impediu que navegásemos o día 26 de maio, pero parece que o fixo para que chegásemos a redondear os 1000, así o día 2 xuntábamonos na dársena de Muros ás catro da tarde.
Fun o primeiro en chegar, pero aínda case non baixara do coche e chegaban coas velas Brea, o Ferreiro, Ramón e Pepe. Fomos baixando as cousas ao barco mentres ian chegando o resto. Para a ocasión íanos acompañar Luis, da asociación Rabandeira, que sempre nos acompañou cando necesitamos del, nos traslados, entrando na Ría de Arousa,….
Entre colocar velas, preparar escotas, etc saimos case as 6 da tarde, íamos no galeón, Luís, Brea, Venancio, o Ferreiro e os dous fillos, Raul, Joaquín, Carmela, Suso, Domingo e máis eu.
Botávamos de menos ao Fininho, que tivera que traballar.
Con máis traballo do esperado izamos maior, preparamos un aparello para manexala e arrancamos, ao pouco apagamos motor e deixamos que o barco navegase só co vento. Tiñamos un vento suave do suroeste, que supoñíamos sería pouco para o desplazamento do RH1, pero, para a miña sorpresa, o barco mostrouse bastante rápido, chegando a marcar puntas de máis de 5 nos, con uns 10 de aparente.
Probamos o barco en todos os rumbos, tomando boa nota dos consellos de Luís, aproveitamos para ir marcando a posición das cornamusas para as escotas de foque e trinqueta. Pola cana fomos pasando Brea, Venancio, Luís e máis eu.
Despois de pouco máis dunha hora fomos arrumbando para Muros. Deixamos á tripulación na rampa, e Brea e mais eu fomos deixar o barco no pantalán.
A min soubome a pouco e estou desexando volver a sair co galeón.
Joaquín Fabeiro.
Parabéns compañeiros! Sodes un exemplo.Qué bonito e que ben pinta!
Suso