Creo que dende antes de que o galeón collese camiño para Muros Brea xa andaba pensando en pintalo, así nada máis chegar comezouse a buscar sitio para realizalo traballo, pero a discusión xurdiu á hora de elixila cor.
O Fininho quería negro, o Ferreiro azul, eu dicía branco(por barato)…, pero pensando que a cor era o que primeiro ía identificalo barco, había que buscar algo un pouco orixinal, e comezamos a repasar, negro xa son o Rei do Mar, o Nuevo Jorita, o Ría de Ferrol, adeus á cor do Fininho. Azul son o Vieta, o Sanxenxo e o Cortegada, adeus á cor do Ferreiro. O Silma, o Nuevo Sofía e o Adelino Manuel son brancos, e por riba a pintura branca só costa un euro menos o quilo que a pintura de cor, adeus ó branco. O Luísa e o Punta Pragueira son verdes. ¡¡¡Arrédemo, menos mal que hai poucos galeóns!!!. Despois de moitas probas, incluso simulacións informáticas, a cor definitiva ía ser un crema ou óso, algo así como o hidria (con ese non nos ía confundir ninguén, aínda que só fose pola cheminea), a cuberta ía ser cor óxido e as casetas e regala marrón.
A tarde do venres 10 o RH1 subía ó varadoiro de BAFOR en Muros, e dende Laxeiras, entrando en Muros, xa se vía e resaltaba a súa cor “minio”.
A tarde do sábado 11 tiña que falar co Ferreiro e quedamos onde o barco xa que el quedara con Brea alí, cando andábamos falando na cuberta do barco sorpréndenos Brea dándonos cadansúa trencha e póndonos a rascar tódalas xuntas de brea da cuberta mentres el ía estopando os bances das amuras (aquelas que fixeran auga durante todo o traslado). Aínda votamos un bo anaco no traballo, Brea subía á cuberta de cando en cando para ver como se nos daba o oficio de calafates e corrixirnos a forma de collela trencha. O problema foi que co vento que facía a brea que íamos recortando ía escapando e pegábase a outro sitio, así e todo démoslle un avance.
Dende o luns seguinte un grupo de membros da AVV dedicouse a pintar de minio todo o RH1, déronlle dúas capas a todo, pero antes remataron o traballo que o Ferreiro e máis eu comezáramos o sábado. Foron traballando no galeón, en diversas tandas, segundo a dispoñibilidade de cada un: Antón, Pepe, Ramón , Brea, Manolo de París, Pin e Bertulo.
Eses días aproveitando que un dos veciños de varadoiro, un fermoso iate, tiña unha cor moi similar á que buscábamos e armados coa carta de cor Ramón e o resto da “cuadrilla de entresemana” decidiron que a cor que máis se parecía era a óso, e encargárona.
Con estes antecedentes o Ferreiro cítanos para pintar, o sábado día18 as tres e media, alí nos plantamos “a cuadrilla do fin de semana”, armados de buzos gorras e roupa de traballo, a primeira sorpresa foi atopar o varadoiro pechado, alá tivemos que facer algún equilibrio para ir adiantando traballo mentres non nos abrían, por riba a pintura non chegaba ata as catro, ben, fomos preparando un adamio e as ferramentas de traballo.
A segunda sorpresa foi cando abrímola pintura, non se parecía en nada á da etiqueta, era claramente “branco”, como fora encargada á fábrica pouca discusión había, ademais o traballo había que facelo. Así que alá nos puxemos a pintar. Ó pouco rato chegou un dos responsables do varadoiro para abrirnos a porta, o que nos permitiu meter o coche do Ferreiro dentro para ir oíndo o que facía Mosquera na Vuelta, mentres uns íamos pintando dende abaixo, outros dende arriba ían dándolle ós remates da regala e trancanil e Brea ía enmasillando as xuntas dos bances das amuras.
Mentres estábamos pintando Ramón foi buscalo resto da pintura e ó pouco xa estábamos traballando na amurada, o Ferreiro, Brea e máis eu tirados pola cuberta para chegar á todos os recunchos, outros dous Juan Antonio e Álvaro ocupábanse das brazolas e Pepe e Eduardo ían pintando os cuarteles. Tardamos máis con esta parte que en pintar todo o casco.
Á hora de pintala cuberta chegou a terceira sorpresa, a pintura que tiña que ser vermello óxido antideslizante, non era tal, e era pintura sintética naval color bermellón. Cando Juan Antonio e Álvaro comezaron a facelos recortes dos barraganetes comezaron tamén os comentarios sobre a elección da cor xa que o vermello aquel era máis apropiado para a moqueta dunha igrexa que para a cuberta do galeón, ó final Ramón agarrou o bote que quedaba e toda vez comprobado que non era o que se pedira cambiouno, na segunda man corrixirase.
Pasadas xa as sete e cando estábamos cos últimos remates chegou o Fininho, que non puidera vir antes, a tirarnos unhas fotos en plena faena, para deixar constancia da tarea.
Máis de tres horas despois de comezar e con sete persoas traballando enriba do barco o RH1 tiña a súa primeira man de pintura dada, esperamos que o xoves cando a “cuadrilla de entresemana” de a segunda man a cor óso se comece a parecer á da carta de cores e non sexa tan branca, e que sexan un pouco condescendentes coa “cuadrilla do fin de semana” non falen moi mal de nos e que con un pouquiño de lixa consigan corrixir uns cantos “chorretóns” que as nosas mans inexpertas, aínda que voluntariosas, deixaron ó longo do casco.
Escrito por Xaquín Fabeiro.
Deixar unha resposta