O que habían de ser varias entradas neste blogue acábanse convertendo nunha soa pola precipitación dos acontecementos, aínda que tamén as vacacións foron responsábeis de certa lentitude á hora de ir actualizando o blogue.
O día 18 de xullo visitábamos o estaleiro de Mougán para comprobar o estado das obras, alí puidemos ver como o galeón xa estaba practicamente rematado, faltaba só darlle minio á cuberta, así, esperabamos que o barco fose á auga a inchar esa mesma semana, incluso era posible que asistise á concentración de galeóns que organizaban os nosos amigos da Rabandeira en Vilanova o que, ó fin, non foi posible, o galeón aínda tardou uns días en ir ó mar.
Entre tanto, todos os membros da asociación afanábanse en ir ultimando a Abelleira Mariñeira 2010, moito traballo, relatado explendidamente polo Fininho. Mentres estábamos en plena festa avisáronnos de que o galeón xa volvera ó seu sito, ó mar da Arousa, con tanto traballo non demos acudido ó evento, que realmente merecía que se lle dese algo máis de solemnidade, pero foi calado, sinxelo e efectivo.
Coas miñas vacacións xa comezadas, o 6 de agosto fun de turista coa familia á Illa de Arousa, e logo de dedicarlle un tempo á gastronomía fomos ver o RH1 que estaba na praia de Riasón, con unha estampa espectacular. Chamoume a atención ver como os bances das amuras estaban bastante abertos, e pensei que tal e como estaba lle ía custar bastante inchar, xa que só lle chegaba a auga nas mareas cheas.
Ós poucos días vímolo na TVG cambiado de lugar e como testemuña de privilexio da botadura do Cortegada.
Xa Brea comezaba a pensar no traslado, e no importante que era pintar o barco canto antes. O Ferreiro decidiu aprazar esas decisións para despois do fin de semana do 21, xa que tiñamos comprometida a nosa presencia en Combarro coa buceta.
O día 24 o Ferreiro, Brea, Manolo de París e Venancio de Muros viaxan á Illa para comprobalo estado do RH1. O barco estaba ben inchado, xa collía pouca auga pola obra viva, pero a súa ubicación na Illa complicaba o traslado, xa que se dependía das mareas. Valorando as distintas posibilidades para a realización do traslado deciden que era mellor movelo barco a algún punto no que non se dependese da marea, así tentan contactar con Luís da Rabandeira, que nesta ocasión non puido axudalos, logo tentan contactar con Uxío da ACD Dorna, sorprendentemente conseguen falar con el, e ó final a planeadora da ACD Dorna, con Parada ós mandos, move o RH1 cara os mortos das embarcacións grandes da ACD Dorna que estaban libres.
Ese mesmo día comezan a xestalo traslado do galeón, repasando as condicións meteorolóxicas, só quedaba a posibilidade de trasladalo o día 25, xa que previsiblemente as condicións empeorarían nos seguintes días, ante a posibilidade de esperar ou a de actuar, tomouse a decisión de “tirar para diante”.
Contactan de novo con Luís, que esta vez si, ten a posibilidade de axudarnos no remolque ó día seguinte. Contactan con Juan para que nos axude co seu barco e así repartilo camiño entre os dous.
Esa noite chámame o Ferreiro a eso das dez para ver si estaba disposto a participar no segundo traslado do RH1, a casualidade quixo que o día 25, para o que se programa o traslado, sexa o meu cumpreanos, vaia regalo, pasar a tarde no barco. Non contesto inmediatamente, pénsomo ben e de paso comprobo as prediccións meteorolóxicas, como me pedira o Ferreiro. Ó cabo duns corenta minutos chamo o Ferreiro para dicirlle que as previsións parecen boas para a aventura e que eu me apuntaba (como non). Nunca mirei e remirei tantas previsións na miña vida, de feito o primeiro que fixen ó erguerme o mércores foi mirar de novo tódalas páxinas meteorolóxicas que coñezo, incluídas algunhas que nunca uso. A eso das 11 da mañá chámame o Ferreiro ca intención de adiantala saída que tiñamos prevista para eso da unha da tarde, ó final arrancamos sobre as doce e cuarto, o Ferreiro, Brea, Manolo de París e eu mesmo cara a Illa, a aventura do traslado xa comezara.
A eso das dúas chegamos á Illa e dende a ponte temos a oportunidade de ver fondeados o RH1 o Rei do Mar e na praia de Riasón o Cortegada. Quedamos con Luís e cargamos as nosas cousas no María Cristina. Logo de comer, a eso das tres e media, embarcamos para dirixirnos ó Bao, alí amarrábamos o RH1 ó costado do bateeiro de Luís e toda vez que Brea comprobou que a auga que había abordo era a mesma que o día antes, poñiamos rumbo á ponte da illa, había que facelo camiño máis curto posible, uns minutos por riba das catro da tarde pasábamos baixo a ponte. A Arousa despedíanos cun día de sol.
O primeiro que fixemos unha vez en marcha, foi ir comprobando si había novas entradas de auga, e como era de esperar a obra viva aguantaba perfectamente, pero o banceado da amura de babor facía bastante auga, e a cantidade de auga aumentaba coa velocidade, Brea baixa ó rancho e comproba a vía, ía armado coa navalla e un anaco de trapo, pero finalmente decide deixalo así e pediulle a Luís que minorara un pouco a marcha, xa que así entraba algo menos de auga.
Era hora de comprobalo funcionamento da bomba de achique. Para a ocasión, levábamos abordo un xerador e unha bomba de achique, que xa estreáramos preparando a Abelleira Mariñeira, instalamos o xerador entre as dúas casetas, deixando libres as tomas, o arranque e o desconectador. Para poder baixar e subir comodamente á bodega Brea puxo un dos cuarteis a modo de rampa, non era como unha escada, pero menos era nada. Puxemos a bomba na bodega e comezamos a achicar. Luís insistía que era pouca auga, pero nos preferíamos saber que eramos que de achicar, aínda que logo apagásemos o equipo, a bomba comezou a achicar e logo dun anaco a cantidade de auga no interior diminuíu considerablemente, ata o punto de ter que apagar o xerador porque a bomba non aspiraba. O lado malo desa operación foi que o escape do xerador quedou xusto na altura das tapas da caseta do motor, facéndolle un bo “negrón”, e non nos demos conta case ata chegar.
A viaxe seguía sen máis incidentes, Brea falando con Luís na ponte do bateeiro, eu tirando algunhas fotos, aproveitando para facer algunha chamada de teléfono, pero sobre todo sentado na popa do RH1 disfrutando do regalo de cumpreanos.
Cando xa nos acercábamos o carreiro de Sagres recibimos a chamada do Fininho que viña ó noso encontro, o mar estaba bastante duro e vendo que xa polo lado arousán da Barbanza o mar tamén comezaba a estar algo levantado Brea e Luís decidiron que era hora de deixar de ir ó costado do bateeiro e mentres eu carrexaba as nosas cousas do María Cristina ó RH1, Brea e Luís preparaban a manobra do remolque. En un momento estábamos soltos, só suxeitos ó María Cristina por un cabo. Coas presas quedounos un madeiro que preparara Brea para colocar un remo a modo de temón, así que tivemos que apañarnos con un cabo amarrado ó remo e a unha cornamusa, o RH1 gobernábase case só, tanto, que ó pouco rato Brea deixou o remo xa que o galeón ía dereitiño, e sentouse canda mín.
Mentres nos adentrábamos no carreiro decidimos facer outra tanda de achicado, pero a bomba negouse a funcionar, a auga seguía subindo, eu fixérame a promesa de non preocuparme ata que a auga chegase a sobrequilla. Cando xa íamos fartos de probar, subimos a bomba a cuberta e afrouxamos unha torca que parecía unha válvula, o baixar de novo a bomba comezou a traballar e o nivel da auga baixou de novo, agora Brea sorría e ía moito máis tranquilo. O pouco volvemos a apagar a bomba.
Xa chegando ó final do carreiro o mar ía sendo algo máis incómodo e albiscamos o Playa de Bornalle achegándose a nos, ó pouco rato comezamos a manobra de cambio de remolque, sen problemas en uns minutos xa cambiáramos de remolcador e camiñabamos a moi bo ritmo. Luís seguiunos un anaco, chamámolo, despedímonos e agradecémoslle o traballo, aínda que sabemos que non hai agradecemento que compense favores coma estes.
A velocidade aumentou considerablemente, o Playa de Bornalle levábanos a máis de oito nós camiño do faro de Corrubedo, de repente fai unha virada brusca, nos non entendíamos nada, resultou que unha pequena variación respecto o rumbo da ida fixo que pasásemos perigosamente cerca dun baixo.
Coa velocidade alta e os cabeceos que nos producía o mar de fondo a auga entraba moito máis e decidimos que había que volver prender a bomba, pero a condenada non quixo arrancar, nin dun xeito nin de outro, toleamos con ela, bodega abaixo, bodega arriba, e todo pola nosa improvisada rampa, ó día seguinte noteino ben. Pero non houbo de que, a bomba non funcionou máis. Visto que a auga xa subía dos calzos do motor e íase acumulando na cámara de popa, decidimos chamar ó Fininho a ver si no Playa de Bornalle tiñan algunha bomba, resultou que si, así que era hora de achegarse ó noso remolcador. A manobra foi a máis delicada de todo o traslado, xa entrando na Ría de Muros, o mar de fondo complicaba o asunto e a bomba non era precisamente lixeira, o botalón pasou u par de veces por riba da popa do bateeiro, si o mar nola xoga nese momento poderíamos telo partilo, pero non houbo problema. Conectamos a nova bomba ó xerador e Brea púxoa na cámara do motor, eso si que era achicar, o chorro de auga foi celebrado ata no noso remolcador.
A partires dese momento Brea ía xa moito mais relaxado, e disfrutamos dun paseo a alta velocidade ata Muros, cada rato conectábamos a bomba e baixábamos o nivel da auga no interior, que no peor momento chegou á altura dos palmexares, a uns tranquilizantes catro dedos do nivel que eu me marcara.
A eso das oito e media enfilábamos o porto de Muros, era o momento de soltalo cabo de remolque e colocarnos abarloados ó costado do bateeiro, o Fininho subiu abordo do RH1 coa cámara de vídeo e comentándonos o complicado que tiveran o mar na viaxe de ida, toda a maquinaria de cuberta do Playa de Bornalle estaba trincada, por mor do mar de fondo.
Así abarloados entrábamos na dársena de Muros onde nos estaban esperando varios dos membros da asociación de veciños, e o Ferreiro e Manolo de París que volveran por terra e que nos traían uns neumáticos para defender ó RH1 da pedra do peirao. Tan pronto nos arrimamos á pedra subiu Beiro abordo para botarnos unha man coas amarras e antes das nove xa estaba o galeón na súa nova casa.
Dende estas liñas debemos darlle o noso agradecemento a todos os que co seu esforzo e traballo fixeron posible este traslado, Luís, Juan, Toto, Javier, Uxío, Salvador e Parada.
Escrito por Xaquín Fabeiro.
Video do traslado.
A ligazón na que se pode velo video da botadura do Cortegada e ó noso galeón é esta
http://agalegainfo.crtvg.es/videos/?orixe=2&texto=galeon
Menudo caderno de bitácora!
Eu quero unha xubilación como a de Brea.
Noraboa e boas travesías!