Feeds:
Artigos
Comentarios

Posts Tagged ‘galeon’

1.000 Días.

Pasaron 1000 días dende aquel 5 de setembro de 2009 no que a AVV A Ostreira decidiu comprar un vello barco bateeiro para devolvelo ao seu antigo ser como barco de vela. Pasaron 1000 días cheos de traballos e suores, de disgustos e de alegrías, de presas e de calmas, de pintura e de madeira, 1000 días de ferros e de chumbo…

Pasaron 1000 días ata chegar ao 2 de xuño de 2012 no que o RH 1, o galeón de abelleira, por fín volveu navegar a vela.

O tempo impediu que navegásemos o día 26 de maio, pero parece que o fixo para que chegásemos a redondear os 1000, así o día 2 xuntábamonos na dársena de Muros ás catro da tarde.

Fun o primeiro en chegar, pero aínda case non baixara do coche e chegaban coas velas Brea, o Ferreiro, Ramón e Pepe. Fomos baixando as cousas ao barco mentres ian chegando o resto. Para a ocasión íanos acompañar Luis, da asociación Rabandeira, que sempre nos acompañou cando necesitamos del, nos traslados, entrando na Ría de Arousa,….

Entre colocar velas, preparar escotas, etc saimos case as 6 da tarde, íamos no galeón, Luís, Brea, Venancio, o Ferreiro e os dous fillos, Raul, Joaquín, Carmela, Suso, Domingo e máis eu.

Botávamos de menos ao Fininho, que tivera que traballar.

Con máis traballo do esperado izamos maior, preparamos un aparello para manexala e arrancamos, ao pouco apagamos motor e deixamos que o barco navegase só co vento. Tiñamos un vento suave do suroeste, que supoñíamos sería pouco para o desplazamento do RH1, pero, para a miña sorpresa, o barco mostrouse bastante rápido, chegando a marcar puntas de máis de 5 nos, con uns 10 de aparente.

Probamos o barco en todos os rumbos, tomando boa nota dos consellos de Luís, aproveitamos para ir marcando a posición das cornamusas para as escotas de foque e trinqueta. Pola cana fomos pasando Brea, Venancio, Luís e máis eu.

Despois de pouco máis dunha hora fomos arrumbando para Muros. Deixamos á tripulación na rampa, e Brea e mais eu fomos deixar o barco no pantalán.

A min soubome a pouco e estou desexando volver a sair co galeón.

Joaquín Fabeiro.

Read Full Post »

O proceso de restauración do galeón será unha sucesión de tomas de decisión, algunhas serán executivas e rápidas, outras permitirán o debate e enriqueceranse cas opinións de todos. Sorprendentemente, e antes do que nos esperábamos, temos que ir tomando unha decisión sobre o deseño do barco, e cando hai uns días comentaba este tema con Xavier, comprobamos como opinábamos totalmente distinto o que nos dou pe a pensar que era unha boa oportunidade para solicitala colaboración de todos os que nos lesen mediante os seus comentarios.

Si ben todos temos claro que os galeóns son barcos de carga, non temos tan claro como se traballaba con eles. O traballo que realizaban estes barcos afectaba á distribución interior do barco e por suposto á cuberta.

Á vista das fotos de galeóns restaurados ou en proceso de restauración podemos ver cubertas como a do Adelino ManuelFonte www.modelismonaval.com

Na que se aprecia unha bañeira de navegación e unha caseta con unha entrada pequena con porta corrediza.Esta distribución da cuberta repítese no Luisa

2

Esta disposición, bastante común nos iates de recreo, a min non me parecía lóxica nunha embarcación dedicada á cabotaxe. ¿Cómo se ían mover vultos, sacos, madeiros, etc. por esa portiña tan pequena?

Na observación doutros galeóns recuperados vemos outras distribucións de cuberta, por exemplo esta do Nuevo Sofía

3

Aquí xa vemos unha distribución na que se aprecian dúas casetas grandes á popa do mastro e unha á proa máis pequena, pero o máis importante é que a caseta central parece pechada con varias tapas dispostas para deixar a adega ben aberta.

Outro exemplo é a distribución do Eliseo

4

Na que se volve a repetir a distribución do Nuevo Sofía.

Esta distribución, máis coherente co traballo que realizaban os galeóns, encaixa cas fotos que podemos ver dos galeóns na súa época, como estas de galeóns en Muros,

56

Na primeira vemos as tapas para deixar ó descuberto a bodega, e notamos a ausencia da caseta máis a popa, probablemente pola ausencia de motor, dado que a foto é dos anos vinte. Na segunda podemos ver algunha das cubertas abertas para recibila carga.

Así vemos en esta foto de Vilanova como a cuberta do galeón está totalmente aberta para permitir o acceso á bodega

7

Curiosamente, esta última foto desvélanos algo que non estábamos a ver nas anteriores. No galeón vislúmbrase unha bañeira de navegación, algo curioso, xa que non se repetía en ningunha outra foto das antigas, e prescinde da caseta para o motor, probablemente porque non tiña motor. Esta distribución foi a que elixiron no obradoiro Mar de Vigo á hora de facer o Galeón Coruxo, que como vemos nestas fotos ten unha pequena bañeira para a navegación e tapas desmontables para abrir a adega.

8

Todas estas imaxes debían estar apoiadas na descrición dun galeón e confirmeino lendo o libro de Jesús Blanco “Guía de las embarcaciones tradicionales gallegas” no que di:

9

Deste xeito creo que estamos no punto no que hai que decidir que tipo de restauración imos facer, imos a buscar o máis tradicional e propio do barco ou imos a facer unha interpretación máis moderna.

Ó meu entender os motivos para facer unha caseta e bañeira moderna son a comodidade á hora de navegar e posiblemente a seguridade da tripulación en caso de mala mar.

Os motivos para mantela igual que cando se usaban son o respeto ó deseño orixinal do barco e a restauración fiel.

A terceira distribución con bañeira e cuarteles para a adega, que vemos no Coruxo, resulta moi interesante porque introduce a posibilidade, apoiada nas imaxes antigas, de que unha restauración fiel poida levar bañeira.

E quedaría unha cuarta posibilidade que non está explorada, que sería mesturando o visto, dispor unha bañeira para a navegación e unha entrada á adega con porta corrediza, pero ó tempo manter a posibilidade de abrir completamente a adega, para poder seguir amosando como eran este tipo de barcos cando traballaban.

Chegados a este punto esperamos os comentarios de todos, para que cando teñamos que decidir o fagamos da forma máis documentada posible.

Xaquin Fabeiro.

Read Full Post »

A aventura do traslado.

O venres 10 de outubro os técnicos de Gesteneval foron a toma-las medidas do galeón. Agora todo estaba en mans do asteleiro O Facho de Cambados, tiña que o carpinteiro estopar e reclavar algúns bordos e deixar o barco a inchar. Sabiamos que a semana do 12 ao 18 de outubro ía estar un tempo moi bo, as nosas previsións era que o galeón se puidese trasladar a Illa, o mércores 14. galeon1Pero iso non aconteceu, e mais o venres 16 as noticias eran que o galeón case collía auga como a primeira hora, e que o luns 19 ían a subir o barco para que o carpinteiro lle votase unha ollada. Parecía que en vez de ir para diante iamos para tras, o venres pola tarde empecei a preocuparme, e decidín que era hora de facerlle unha visita o asteleiro, na tarde noite do venres intentei contactar con Brea para ir o sábado 17 a Cambados, foi imposible contactar con Brea, visto o que aconteceu despois hai que darlle grazas a Díos.

O galeón no mar

Brea sube ao galeón.

Perante ese sábado, dinme conta que a mellor opción era ir o luns, por sorte o meu traballo permitíame ir ese día, así era seguro que podiamos falar coa administración do asteleiro, mais co carpinteiro do asteleiro. Quedei con Brea as 13:00 en Bertamirans, e a partir de ai viaxamos cara Cambados, onde chegamos un pouco antes das 14 horas, a esa hora pensabamos que non atopariamos ninguén no asteleiro, pero iamos comer para as 15 horas para cando escomenzaran alí a traballar estivésemos presentes.

Proa do galeón.

Proa do galeón.

O asteleiro estaba aberto, e alí na explanada enriba dun carro estaba o noso galeón, estivémolo revisando Brea e mais eu, e vimos que o carpinteiro lle tapara algúnha xunta, pero que seguramente non chegaría. Pronto chegou alí o vixiante do asteleiro que é o encargado de subir e baixar os barcos, e logo tamén chegou o carpinteiro, un home moi singular, xa que nos contou unha serie de historias canto menos curiosas: Que ten un barco traballando no Caribe, en Illa Margarita, levando pasaxeiros e que alí mesmo estaba a reparar  un barco das bateas para cruzar o charco e levalo tamén ao Caribe, tamén que estaba a reparar un veleiro da Copa América de 1903.

Problemiñas coa bomba, detras Luis co seu barco a espera.

Problemiñas coa bomba, detras Luis co seu barco a espera.

Volvamos a nosa historia, eran as 14:30, e o estómago xa pedía algo, así que fomos a comer, a volta baixariamos o galeón e faceriamos unha proba, durante a comida estivemos a falar da lastima de non aproveitar o bo tempo que tivemos, xa que esta seman ía facer mal tempo. Chegamos o asteleiro a iso das 15:30, a partir de aquí ían acontecer unha serie de acontecementos todos negativos, menos o resultado final que foi inesperadamente moi positivo. Cando voltamos o asteleiro, o barco xa estaba na auga, xa perdemos a oportunidade de ver por onde lle entraba a auga. A seguinte idea foi sacar o galeón da auga para poder ver por onde saia a auga. Pero o galeón xa tiña uns cantos quilos de mais, e a intentalo rachou o cabo e o galeón foi mar abaixo, xa pensabamos no peor, era que se ía saír do carro, e logo que faciamos, por que alí non había onde amarrar o barco.

A bomba escomeza a funcionar.

A bomba escomeza a funcionar.

O galeón aínda que non saíu do carro, si que lle caeron os calzos, polo que facía case imposible volver a subilo a terra. A partir das 16:00, escomenzamos a pensar que a mellor opción era o traslado a Illa. O móbil xa levaba un par de horas sinalando que a súa batería estaba agotada, e agora era fundamental. Para poder levar o barco a Illa, precisabamos o mais axiña posible:

• Que o asteleiro O Facho nos deixe quitar o barco, sen pagar.

• Contactar con Mougan, para que busque un barco.

• Conseguir unha bomba de achique.

A todo isto o día ameaza choiva, e a visibilidade escomenza a minguar, e o móbil a dar avisos de que dun momento para outro déixanos colgados, por precaución antes de nada anoto unha serie de números por si acaso. Subo a administración do asteleiro, e cóntolle o caso, pero eles dinme que a súa norma e que hai que pagar antes de saír o barco, logo de rogarlle acceden baixo a condición de que o martes a primeira hora teñamos feito a transferencia. Agora chamo a Mougan para que urxentemente, busque un barco, inténtao por varias veces pero elle  imposible. A isto xa pasan das 17:00, e a visibilidade vai minguando, seguro que xa chegamos de noite a Illa. Xa sen opcións, chamo a Luís (patrón do Novo Sofia), resulta que se atopaba na Illa, para levar o barco das bateas, para Vilanova, por que se aveciñaba mal tempo, e alí estaría mais resgardado.

Derradeiro empuxón para abandonar o asteleiro.

Derradeiro empuxón para abandonar o asteleiro.

Conteille o caso, e non dubidou en votarnos unha man, seguro que era xa unha mostra de compañeirismo a un posible barco tradicional. Agora faltaba a bomba de achique, o mesmo Luís díxome dun sitio onde alugaban ferramenta, alí me dirixo coas breves indicacións de Luís, en busca da bomba, o sitio parece calquera cousa menos un establecemento de aluguer, falo co propietario, e resulta que so teñen unha, pero que a teñen desmontada para revisala. Son as 17:30, e a situación e a seguinte, eu atópome no medio do monte sen bomba, co móbil a punto de agotarse, e Luís co seu barco cara o asteleiro, sabemos que sen bomba e imposible a travesía, póñome en contacto con Salvador (irmán de Uxío), da Illa, para saber onde poder atopar unha bomba, pero el non sabe. Entón chamo a Luís, para que de volta, e este decatase que un amigo de Vilanova ten unha bomba, tardo en dar con el, logo temos sorte a bomba semella suficiente. Está nova e o seu propietario sen coñecernos de nada prestase a deixala, a sabendas que é para bombear auga salgada, parece que a nosa sorte esta a cambiar, son case as 18:00, e saíu de Vilanova, para ir o asteleiro que esta a uns 10 kilometros pasado Cambados, no camiño teño que mercar gasolina para a bomba. Cando chego o asteleiro alí se atopa, Luís co seu pequeno barco das bateas, para remolcar o noso galeón. A bomba parece que non quere arrancar, o final faino e achica bastante auga, a manobra de enganche e un pouco rara, xa que os dous empregados do asteleiro, son tan atentos como un pouco torpes, para axudarnos sacan unha pequena planeadora, cun gran motor un V8 de 300 CV.. E o momento de partir, son as 19:00, case de noite, e aínda vamos a ter un problema mais. A bomba achica aproximadamente a mesma auga que entra, cando o galeón esta parado, deberiamos achicar o máximo posible, para ter unha reserva. Lonxe diso aínda o barco se pon en marcha, a cadoira ábrese, e a auga entre a tope, unha rápida manobra de Luís que lle coloca un destornillador e un trapo tapona a entrada de auga. En vez de levar unha reserva, xa partimos con sobrepeso. Parten cara Illa, indo Brea no galeón atendendo a bomba de achique, esta vai mantendo un nivel de auga aceptable, canto menos non aumenta. Iso indo despacio, pero iso non pode ser, xa que a visibilidade é escasa, e o mar xa leva baixando un par de horas. O aumentar a velocidade aumenta a entrada de auga. Eu vou a Illa por estrada, nunca unha viaxe se me fixo tan larga, aínda mais por que me resultaba imposible manter un contacto visual con eles. Cando chego a ponte da Illa aínda non os vexo, cando estou a rematar de cruzar a ponte, escomenzo a ver saír unha pequena luz de entre as bateas. A esas alturas o móbil xa estaba inservible, e dinme conta que levaba horas sen falar con Mougan, e que igual xa marchara do asteleiro. Cheguei alí e atopeime con outra noticia negativa, practicamente non tiñan medios para fondear o barco nin para a amarralo. A iso das 20:00 despois dunha hora de travesía chegan o lugar de fondeo na Illa, este sitio de fondeo e o mais ruín que un se poida imaxinar, tratase dunha praia completamente chan, con aproximadamente uns 50 cm. de calado, e con gran cantidade de cons (como lle chaman na Illa). A manobra é do mais complicada, corren os dous barcos serio risco de varar, co que iso significa, xa que para a noite dan alerta de temporal, podemos perder os dous barcos.

Escomeza o remolque.

Escomeza o remolque.

A manobra de Luís resulta perfecta, e consigue saír sen quedar varado polos pelos. Para achegar o noso galeón a terra, precisamos tirar del dende terra, o final queda nunha posición perfecta, en canto amarramos o galeón, vimos que o mar xa baixara moito, e dicir se chega 10 minutos mais tarde, teriamos que deixar o galeón a uns 150 metros de terra, sen rizóns, e mercede do temporal.

O traxecto que recorreu.

O traxecto que recorreu.

Despois de todo conseguimos facer algo impensable, comentábame Brea de volta a casa que se atopaba moi contento, eu aínda mais, as circunstancias fixeron que arriscásemos o proxecto, o barco de Luís e incluso a vida de Luís e Brea.

¡Por fin! na Illa de Arousa, o lado do Adelino Manuel.

¡Por fin! na Illa de Arousa, o lado do Adelino Manuel.

Con iso chegamos a Bertamirans as 22:30, e Brea aínda ten que ir para Tal onde non chegara antes dunha hora. Nada máis chegar a casa o primeiro que fago e chamar a Ramón para que o martes lle faga a transferencia ao asteleiro. En Mougan vai a estar varios meses, cando este rematado pasaráse a outro remolque, esta vez a Abelleira, e esperemos que en mellores condicións.

O Ferreiro

Read Full Post »