Feeds:
Artigos
Comentarios

1.000 Días.

Pasaron 1000 días dende aquel 5 de setembro de 2009 no que a AVV A Ostreira decidiu comprar un vello barco bateeiro para devolvelo ao seu antigo ser como barco de vela. Pasaron 1000 días cheos de traballos e suores, de disgustos e de alegrías, de presas e de calmas, de pintura e de madeira, 1000 días de ferros e de chumbo…

Pasaron 1000 días ata chegar ao 2 de xuño de 2012 no que o RH 1, o galeón de abelleira, por fín volveu navegar a vela.

O tempo impediu que navegásemos o día 26 de maio, pero parece que o fixo para que chegásemos a redondear os 1000, así o día 2 xuntábamonos na dársena de Muros ás catro da tarde.

Fun o primeiro en chegar, pero aínda case non baixara do coche e chegaban coas velas Brea, o Ferreiro, Ramón e Pepe. Fomos baixando as cousas ao barco mentres ian chegando o resto. Para a ocasión íanos acompañar Luis, da asociación Rabandeira, que sempre nos acompañou cando necesitamos del, nos traslados, entrando na Ría de Arousa,….

Entre colocar velas, preparar escotas, etc saimos case as 6 da tarde, íamos no galeón, Luís, Brea, Venancio, o Ferreiro e os dous fillos, Raul, Joaquín, Carmela, Suso, Domingo e máis eu.

Botávamos de menos ao Fininho, que tivera que traballar.

Con máis traballo do esperado izamos maior, preparamos un aparello para manexala e arrancamos, ao pouco apagamos motor e deixamos que o barco navegase só co vento. Tiñamos un vento suave do suroeste, que supoñíamos sería pouco para o desplazamento do RH1, pero, para a miña sorpresa, o barco mostrouse bastante rápido, chegando a marcar puntas de máis de 5 nos, con uns 10 de aparente.

Probamos o barco en todos os rumbos, tomando boa nota dos consellos de Luís, aproveitamos para ir marcando a posición das cornamusas para as escotas de foque e trinqueta. Pola cana fomos pasando Brea, Venancio, Luís e máis eu.

Despois de pouco máis dunha hora fomos arrumbando para Muros. Deixamos á tripulación na rampa, e Brea e mais eu fomos deixar o barco no pantalán.

A min soubome a pouco e estou desexando volver a sair co galeón.

Joaquín Fabeiro.

Felicitación Nadal.

Levantando o mastro.

Chegou ao fin o momento de por o pao do galeón no seu sitio. A cita era o sábado día 15 a partir das 9:30 no barco. Un par de semanas antes xa se cargara o pao no barco e ao longo desa semana instalárase no pao a electrónica, luces de navegación e os ferros precisos para montar os estais, obenques e manobra.

Entorno ás 10 da mañá xa estabamos todos os habituais e algún máis de reforzo, a ocasión merecíao. Contábamos tamén con Raúl de Nauelec e Ramón do Taller de Velería que viñeron un a rematar algúns traballos antes do izado do pao e o outro a tomar as medidas definitivas para as velas, pero os dous acabaron botándonos unha man máis que benvida.

Mentres Raul de Nauelec ía montando os cableados dos equipos electrónicos os demais íamos colocando cada cable da arboradura no seu sitio, cos tensores e grilletes correspondentes. Pouco a pouco todo ía encaixando, houbo que cambiar un par de luces que estorbaban á manobra e facer algún pequeno remate na perilla que instalara Brea eses días.

Logo colocamos unha placa de cobre rodeando o pao, nesta placa vai ser o lugar onde traballe a boca da verga e hai que protexer a madeira do roce coa verga.

Cando Raul selou os ferros con Sika, amarramos todos os cables da arboradura, puxemos unha polea que nos prestou Ramón e o pao xa estaba listo para ir ao sitio.

En canto tivemos todo listo comezamos a discutir como íamos realizala manobra de izado, que si eslingamos por aquí, que si a grúa por acola, …. cando a grúa de Almacenes O Castillo chegou xunto o RH1 a expectación comezou a medrar.

O primeiro que houbo que facer foi cambiar o pao de sitio, xa que estaba coa perilla cara a proa, porque houbo que instalar a cruceta, o radar e os ferros, e deste xeito era mais doado para traballar. Así que eslingouse por dous puntos o mastro e a darlle a volta

O pao suspendeuse por riba do barco xirándoo e volvemos a pousalo para quitar as eslingas, aí os primeiros equilibrios do día tocáronlle ao Fininho que tivo que ir a soltar as eslingas por fora da popa. Agora tocaba volver a colocar as eslingas, esta vez nun só punto, e levantar o pao, agora si encamiñábamos o pe do pao cara a fogonadura, custou un pouco pasar as serviolas, pero logo diso foi dereitiño á fogonadura.

Para ir levándoo ao seu sitio e gañar algo de seguridade colocamos o estai da trinqueta, que quedara algo curto, pero solucionouno Ramón con un cabo.Por mor dun erro na toma das medidas a pía do mastro non estaba lista, así que situamos o mastro no sito coa axuda da grúa, entre Manolo París i eu colocamos uns tacos provisionais e marcamos o lugar da pía. Nese momento tomou o “mando das operacións” Brea, que coa axuda do Fininho e Verán comezou a traballar a sobrequilla furando co taladro e valeirando o oco coa trencha.

O choio foi máis longo do esperado, pero cando ao fin o mastro foi caendo no seu aloxamento, esvarando na pía foi realmente emocionante.

Usando as manobras de navegación en popa axustamos a posición e fixamos o pao, xa se podía soltar o mastro da grúa, e para iso tiñamos un especialista nos traballos en altura, Raúl o Canaxo, que traballa nos eólicos púxose o arnés e coa axuda da polea que deixáramos posta a tope do pao subiu a liberar a eslinga da grúa. Por fín o mastro estaba no sitio e suxeito polos propios medios do galeón. Un aplauso sonou nas mans dos poucos que a esas horas, preto das catro da tarde, quedábamos no barco.

Esa tarde coa axuda de Ramón rematouse de colocar o mastro coa súa inclinación xusta e sustituise o suplemento de cabo do estai por unha cadea que resulta moito máis axeitada para esa tarefa.

Un paso máis cerca….

Autor: Quin Fabeiro

O RH1 representando á AVV A Ostreira está presente por primeira vez no Encontro de Embarcacións Tradiconais de Galicia, que cada dous anos se celebra en distintos portos da costa galega.

Se hai dous anos presentábamos no IX Encontro celebrado en Muros a buceta, agora toca o turno ao galeón.

O traslado dende o porto de Muros a Vilaxoan para participar nas xornadas previas do Encontro fíxose o sábado 25. Unha travesía sen problemas e na que as notas máis destacadas foron a axuda de Luis o patron do Nuevo Sofía, que foi o noso particular práctico para pasar o paso de Sagres e a abafante calor que facía na Ría de Arousa e que nos levou a facer unha parada na Illa de Arousa para refrescar as gorxas.

O forte vento de hoxe xoves impediu ao RH1, fondeado en Vilanova, participar na primeira xornada do Encontro, pero mañán xa chegará a Carril, onde, a bo seguro, será centro de miradas a caron dos outros barcos grandes, o Rei do Mar, o Illa de Cortegada, o Nuevo Sofía,….

Que pesado é o lastre!

Hai meses que tiñamos comprados uns 1300 quilos de chumbo.Nunha visita a un desguace mariño, atopamos que estaban desguazando un pesqueiro, estaban cortando o chumbo do lastre do barco, era unha moi boa oportunidade de facernos con un chumbo limpo e non podía deixarse pasar. Cortáronnos dous bloques de algo más de 600 quilos cada un, o que custou ter que facer dúas viaxes á Coruña co patrol e o remolque. Os bloques eran uns dados de, aproximadamente, 40cm de lado e ata hai moi pouco as dimensións dos bloques non parecían un problema, total o chumbo córtase ca navalla, non?

Despois da proba de estabilidade, Fani díxonos como tiñamos que situar o lastre, e tocáballe uns 300 quilos o máis a popa posible e o os outros 1000 por diante do mamparo da cámara do motor o máis a cruxía posible, polo tanto había que cortar os bloques en anacos manexables e que permitiran acomodalos.

A miña primeira impresión foi “metémoslle a motoserra”, fun tratado de tolo, pero como eu non tiña unha motoserra que arriscar e a inversión de comprar unha para tal proba parecía excesiva, seguimos a buscar solucións. Non faltaron quen pretendían fundilo “total os chumbos de pescar toda a vida se fundiron na lareira”. Os primeiros intentos, alá os primeiros de abril, foron con serras de metal, na semana santa o Ferreiro e máis eu fixemos unha lixeira rascadura nunha esquina que non pasou duns poucos centímetros, traballando durante máis de media hora, a quendas, os dous ao tempo… a serra descartábase. Ese mesmo día decidíase probar a tentar cortalo con un soprete de oxiacetileno, e si non eramos capaces, polo menos fundilo. O soprete que nos prestaron en Abeijón non foi capaz de atacar tremendas moles, e para máis o chumbo que fundía solidificaba ao momento sen que puidésemos aproveitalo para botar no molde.

Así o tema, entrábamos en maio e pedíamos presuposto para fundilo nunha fundición, pero antes había que facer un último intento, o Fininho trouxo unha lanza especial que debería ser capaz de facer os cortes que ata o momento non foramos capaces. Para rematar as nosas desventuras a lanza non se adaptaba ás bombonas das que dispoñiamos, pero ese día había outro que debía estar tan tolo coma min e el si probou coa motoserra, Indalecio  foi quen de cortar o chumbo, segundo parece a motoserra levou o chumbo sen problema, disque mellor que a madeira.

O único que me consola despois dun mes de intentos e de uns cantos euros tirados en inventos é que non estou tan tolo como algún pensou.

Xaquín Fabeiro.

O mastro báltico.

Xa estamos a traballar na fase definitiva do galeón, estes días xa empezamos a darlle forma ao mastro.

O asunto da restauración do galeón non é tan doado como parece, continuamente temos que ir superando problemas técnicos que van xurdindo a medida que imos avanzando.

Cando hai uns meses pensabamos no mastro, o problema co que nos atopabamos, era buscar un pao de cómo mínimo 14 metros, e ademáis que fose bastante dereito. Outro problema a maiores sería o xeito de transportalo. Non sabiamos por onde empezar a buscar, pero unha vez máis, tivemos un pouco de sorte e apareceu un bo pau ben preto da casa.

O mestre Brea marcando o eixe.

Cando viamos superado un gran atranco, o mar tróuxonola solución en forma de madeiro, probablemente dalgunha especie do báltico e non tropical como contáramos erroneamente na entrada anterior. Medía de largo uns 16 metros e cun diámetro de 28 cms  no couce  25 cms na punta. As medidas definitivas as que ten que quedar o mastro son de 14 metros de longo, 24 cms de diámetro no couce e 15 cms na punta. O asunto non é doado, pero seguro que o mestre Brea, é quen de realizalo exactamente como se pretende.

O Ferreiro e Manolo medindo e marcando.

Para dar coas medidas do mastro, levamos tempo consultando cos armadores doutros galeóns, con carpinteiros, veleiros e enxeñeiros navais, xa que so temos unha oportunidade de facelo ben.

As primeiras aproximacións ás medidas chegábannos dende Gestenaval, en forma de táboas dun libro chamado SAILING YACHT DESIGN de Douglas Phillips-Birt, nas que para o desprazamento do galeón daba un diámetro de 10”, uns 25cm. Nestas medidas confirmábanos o Ramón, o veleiro, que nos deseñaba o plano vélico sobre un pao de 24cm no couce e 15 na perilla, pero ainda nos faltaba como se ía afinando o pao coa altura. Aí o que máis nos axudou foi un antigo documento que atopamos en internet, e polo cal non imos a guiar. Tratase dunha Ordenanza de 1618, sobre a arquitectura naval.

O plano en Autocad do mastro.

A continuación vamos a expor algúns datos de interese da mencionada Ordenanza. Os paus das naos e galeóns do século XVII , fabricábanse en madeiras de coníferas de Noruega e o Báltico, (igual que o noso), por que eran as que reunían as mellores calidades, cando esta madeira por culpa dunha guerra, escaseaba, entón utilizábase madeira autóctona, pero había que aumentar o diámetro, con consecuencias indesexables no peso e na estabilidade da embarcación. Os paus labrábanse cunha forma de fuso, de maneira que o máximo diámetro era por riba da cuberta, e as proporcións obtíñanse  mediante o trazado polo quinto (3/5).

Corte do pau, contamos un cento e pico da anos.

O pasado sábado 26 de marzo xa escomenzamos a plantexar o labrado do pao. Se alguén quere participar nesta clase de historia e de carpintería de ribeira pode pasar polo Galpón de Joaquin, alí estaremos traballando no mastro…

O Motor e o mastro.

Parece incrible, pero xa pasaron máis de catro meses dende a última publicación no blog, e por suposto, vanse acumulando as cousas que contar. Logo de deixalo barco pintado ca primeira man de pintura tiñamos a idea de rematalo nesa mesma semana de setembro, pero non foi así, aínda tivo que esperar un pouco.

Ó longo do mes de agosto xa viñamos traballando nos presupostos de instalación do motor, en principio a instalación do mesmo estaba presupostada por unha empresa de Marín, pero toda vez que o galeón xa estaba en Muros os desprazamentos comezaban a complicar o tema, así recomendáronnos a un taller de Boiro, que visitou o barco para facer un presuposto o máis preciso posible, paralelamente, a través de Tono, contactamos con un estaleiro do Freixo para que nos fixeran outro presuposto. O primeiro problema co que nos atopamos foi que o motor co que se contaba dende os primeiros pasos do proxecto non era axeitado ás feituras cheas do RH1, era un motor que rendía a moitas revolucións. O taller de Boiro recomendábanos un motor VM de 130CV que se ía con moito do noso presuposto, o estaleiro do Freixo presupostounos un Solé de 100CV que entraba dentro das nosas posibilidades. Así, a finais de setembro, aceptábamos o presuposto e o galeón collía camiño do Freixo, remolcado por Tobío, directo a Abeijón Hermanos. A primeira fase do proxecto remataba o 31 de outubro e para daquela o motor tiña que estar totalmente instalado.

O motoraso Solé de 100 CV e 6 cilindros a 2500 rpm.

Aproveitando a estancia no varadoiro do RH1 fomos pintando nel, aquelo que contábamos que fose cor óso era definitivamente branco, así que o Ferreiro voltou facer outro cambio de pintura e acadouse ese ton crema que desexábamos, ó final só acertáramos co marrón que escollemos nunha carreira no varadoiro de Muros. Mentres nós íamos dando unha man de pintura ó casco ou encintando o trancanil, os operarios do estaleiro ían preparando a instalación do motor. Así, houbo de prepararse un oco no codaste que permita a extracción o eixo para a súa revisión sen ter que movelo motor, reforzouse a zona con unhas pletinas de aceiro ó tempo que ían preparando e instalando os ferros do temón.

No estaleiro Abeijón Hnos. no Freixo.

A instalación do motor requiría tamén que se instalasen os depósitos do gasoil, se non de onde ía comer o Solé, así que se recuperaron dous depósitos de aceiro que se instalaron na cabina do motor. Tamén foi recuperada de outro barco a bucina, unha impresionante peza de bronce que aínda ten moitos anos de servicio por diante.

Unha vez que o barco foi a auga confirmouse o que todos supoñiamos que ía pasar, a hélice non quedaba cuberta de auga, así que en Abeijón lastraron o RH1 con uns 3000 quilos de area, agora si, o galeón volvía navegar polos seus propios medios. Ós poucos días o RH1 collía de novo camiño para Muros, pero esta vez xa sen axuda.

Aínda estando no Freixo, varado na praia ó lado de Abeijón, o RH1 recibiu unha visita moi importante, Ramón o veleiro, estivo a primeiros de decembro medindo o galeón, tiñamos que comezar a traballar nas seguintes fases. Pendente dos retoques finais, o deseño das velas danos uns cen metros cadrados, repartidos nunha maior de 62/64 metros cadrados e dous foques de 18/19 metros cadrados. Todo soportado nun pao duns 14,5 metros.

Dende que o RH1 estaba na Illa de Arousa estábamos a buscar un pao para el, e a tarefa non era doada, en verbas de Manolo Mougan “Tódalas árbores dende abaixo parecen dereitiñas, pero unha vez que están abaixo…..”, pero desta vez a sorte íanos acompañar.

O mar que moitas veces é xeneroso trouxo un pao precioso, longo (uns 17metros) dereito (como xa está deitado xa sabemos que o é), pero sobre todo barato. Ó final, o mastro do RH1 será de madeira tropical traída á costa por un temporal, este madeiro foi recollido por un veciño de Tal co que se chegou a un acordo para comprarllo. O mastro trasladouse  o día 9 de xaneiro de Muros á Abelleira, para poder levalo ó galpón de Joaquín onde se irá traballando. Levouse a remolque do RH1 e xa no peirao de Sorribos subirono a terra entre Veran, o Ferreiro, Gelito e seu irmán e Pepe, axudados co tractor.

Levounos un tempo decidir cal ía selo diámetro do mastro, preguntámoslle a todo o que nos quixo escoitar, e as medidas que nos ían dando eran un tanto dispares, así que preguntamos en Gestenaval, e Guillermo Gefaell tirando de libros antigos atopou para nos unha táboa de deseño de mastros de madeira, que confirmaba a idea que tiñamos e ó final o mastro terá uns 25cm de diámetro na base e irase afinando.

Xaquín Fabeiro.



Seguir

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.